OurenseÚltima hora

O CIFP A Farixa de Ourense aumenta neste curso a súa matrícula por enriba da media galega

 

O Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa comezou o curso 2023-24 cun incremento notorio de alumnado, o que reflicte o avance na implantación da Formación Profesional como unha das principais opcións formativas para o mercado laboral en Ourense, tal como informan dende a dirección.

Unha vez pechado o período de matrícula, e coa actividade a pleno rendemento nas 9 familias profesionais que se imparten, e segundo os datos recollidos pola dirección do centro, “o CIFP A Farixa conta este curso cun total de 495 estudantes, a cifra de alumnos máis alta da última década, o que supón un aumento de matrícula de arredor do 15% respecto dos cursos anteriores”, destaca do director, José Manuel Paredes.

El mesmo adianta que os datos son chamativos se se ten en conta o balance aportado a semana pasada no informe da Consellería de Educación, “que fala dun incremento respecto do ano pasado dun 6%, o que sitúa o incremento no CIFP A Farixa un 9% por enriba da media galega”.

 

 

Especialmente salientable, segundo destaca Jose Manuel Paredes, é o caso da matriculación no caso das mulleres, cuxa matrícula aumentou nun 19%. Segundo Paredes, estes datos reflicten unha mellora na diversidade de xénero na institución e subliñan o compromiso do CIFP A Farixa coa igualdade de oportunidades na formación profesional, aínda que, segundo afirma “queda moito por facer neste asunto, e nalgunhas especialidades a brecha de xénero sigue sendo algo a superar.” Ademais, o alumnado no CIFP A Farixa abarca un amplo rango de idades, dende os 15 ata os 60 anos, o que demostra a apertura da institución a estudantes de diferentes etapas da vida.

Os datos da matrícula deixan outros datos destacables no que ten a ver coa diversidade cultural: Estudantes de 23 nacionalidades e orixes diferentes elixiron este centro para a súa formación profesional. Entre os países representados atópanse España, Colombia, Venezuela, Etiopía, Francia, Marrocos, Arxentina, Cuba, Romanía, Canadá, Bolivia, Ecuador, Turquía, Brasil, E. U. de América, Perú e Uruguai, entre outros, contribuíndo, segundo Paredes, a crear un ambiente enriquecedor e multicultural.

Aposta pola innovación e a conexión coa comunidade

 

 

Ao igual que en cursos anteriores desde os distintos departamentos do CIFP A Farixa, estase a traballar xa na implementación de proxectos de innovación educativa, continuando co proxecto da Aula tecnolóxica nun contenedor que mereceu no curso pasado un dos Premios de Innovación da Consellería de Educación, entre outros. Segundo Paredes “Non se pode entender a actividade formativa dun centro como o noso sen a implicación co entorno próximo e a comunidade e a conexión cos sectores sociais e produtivos da contorna. Só así o noso alumnado pode formarse e establecer vínculos que lle permitan un compromiso activo co entorno e unha produtiva vida laboral.”

Artigos relacionados

Back to top button