OurenseÚltima hora

O CIFP A Farixa gaña o terceiro premio nas II “Olimpiadas Nacionais Teleco Games”

 

Logo de se clasificar en abril co primeiro premio autonómico a equipos de Formación Profesional para as Olimpíadas Nacionais, o equipo de alumnos e profesores do CIFP A Farixa gaña o III Premio na final nacional, sendo destacando polo xurado como a proposta “máis aliñada” co Obxectivo de Desenvovemento Sostible III: Saúde e Benestar.

Así o CIFP A Farixa sitúase por segundo ano consecutivo como centro de referencia na competición das Olimpíadas de Teleco co deseño dun sistema de xeolocalización e detector de caídas orientado ao seu emprego en persoas maiores ou con algún grado de dependencia. A final tña lugar no mes de maio, nun evento online na que equipos de todas as comunidades autónomas fixeron a presentación dos seus proxectos, aínda que o fallo do xurado dábase a coñecer o pasado venres 14 de xuño.

As Olimpíadas Teleco Games son unha iniciativa do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (COITT) e a Asociación Española de Graduados & Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (AEGITT), xunto coa Conferencia de Directores de Escolas con Graos de Enxeñaría no Ámbito de Telecomunicación (CODIGAT), que agrupa á gran maioría das escolas universitarias onde se imparten os graos de telecomunicacións.

O proxecto do CIFP A Farixa estivo coordinado por Ricardo Ameijeiras Vázquez, profesor de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos (STI), que foi o encargado de dirixir o traballo dos alumnos Jorge Gil Álvarez, Paula Cortizo Pérez, Cristian González González, Francisco González Rangel, Iver Esron Vásquez Poma e Anxo Sampayo Pulido.

Segundo Ricardo Ameijeiras “máis alá do premio, traballar en proxectos coma este que nos pon en contacto con outros centros educativos e nos permite amosar o noso traballo é sempre un estímulo, unha motivación para sermos máis creativos e iso é algo que o alumnado agradece moito, convertindo o traballo na aula as máis das veces nun xogo no que todos damos o mellor de nós”.

Tal como explican dende o centro, o equipo defendeu na súa presentación que “a tecnoloxía de localizadores GPS pode ser implementada en diversos sectores da sociedade, contribuíndo á protección e seguridade, neste caso, dos nosos maiores”. Así, o reto que se propuxeron desde a Farixa pasou, segundo contan, por “dar unha solución tecnolóxica mediante un dispositivo electrónico, que a través da programación dun microcontrolador e a implementación e progrmación de sensores, puidera permitir a detección de caídas”.

Jose Manuel Paredes, director do CIFP A Farixa considera este premio, ademais dun “merecidísimo recoñecemento ao alumnado e profesorado”, un sinal de alento para continuar traballando co foco posto na implicación do CIFP A Farixa no entorno cos sectores produtivos e sociais da súa contorna. “Entendemos a Formación Profesional como un lugar de interrelación que permita a transmisión de coñecemento, e poñemos o foco en que o noso alumnado teña unha formación integral que permita a aplicación directa e a integración cos sectores máis alá da aula”, afirmou.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button