CulturaCulturaÚltima hora

O cine ao aire libre abre o programa da Festas de San Roque na Rúa Vella

Onte proxectouse o filme "Momias" na praza Arroyo e hoxe é a quenda do zumba e do teatro con A Ruada

 

Na noite do martes 15 de agosto proxectábase na praza Arroyo, na Rúa Vella, o filme de animación “Momias”, para todos os públicos. Comezaba así o programa das Festas de San Roque 2023 organizadas pola Asociación Sabugueiro que se estenderá ata o 22 de agosto e que inclúe moita música, cultos, actividades infantís, concurso de talentos e mesmo actividade deportiva.

Na tarde deste mércores 16 de agosto, día de San Roque, haberá zumba no campo ás 20:30h; e teatro ás 22 horas a cargo de A Ruada que subirá ao escenario coa obra “A boda do esganarello”. Para mañá xoves 17 de agosto está prevista a II edición de “Got Talent” o concurso de talentos no que 12 artistas da zona (cantantes, monologuistas, bailaríns,…) amosarán o seu arte sobre o escenario a partir das 22:30h. na praza César Conti.

 

San Roque diante da súa capela na Rúa Vella./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O venres día 18 de agosto será cando, despois da novena, se traslade a imaxe de San Roque dende a capela ata a igrexa de Santo Estevo. Pola noite, a música estará garantida a partir das 22:30h. coa actuación do grupo Los Mitocondrias na praza e a disco móbil Danzalia Disco Show ‘A Pimentoneta’ que porá ritmo á madrugada.

Xa en plena fin de semana, o sábado 19 de agosto xogarase o campionato de tute por parellas ás 16h. na praza César Conti. O mesmo espazo do que ás 19h. sairán os participantes na XLI edición da Volta Ecolóxica con percorrido pola Rúa Vella ata o campo de San Roque. Ese día o baile en sesión de tarde (21h.) e verbena (1 da madrugada) correrá a cargo do grupo Arizona.

 

Volta Ecolóxica 2022./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O domingo día 20 de agosto arrincará co pasarrúas da Banda de Música Santadega, que tamén acompañará á procesión (12:30h.) coa que se trasladará a imaxe de San Roque dende a igrexa ata a súa capela, no campo de nome homónimo. Unha vez alí a banda de música amenizará a sesión vermú (13:30h.) e pola tarde (19h.) dará un concerto na praza César Conti. A música seguirá en sesión de tarde e verbena coa actuación da orquestra Costa Dorada que fará bailar aos asistentes ata altas horas da madrugada.

As festas da Rúa Vella continuarán o luns 21 de agosto. Pola mañá será a Charanga Nova a encargada do pasarrúas e a partir das 12 horas celebrarase unha misa campestre no exterior da capela de San Roque. Ao rematar, en torno ás 13 horas a Charanga Nova amenizará a sesión vermú no mesmo lugar. O luns é tamén o día dos nenos, con xogos de verán especialmente centrados na festa da agua coa que se divertirán a partir das sete da tarde na praza. E pola noite, tocaralle o turno á orquestra Saudade que amenizará o baile en sesión de tarde e verbena. O broche a un completo e variado programa festivo porano os divertidos e esperados partidos de fúbtol popular de solteiros contra casados e solteiras contra casadas que se disputarán a partir das 20:30 horas e que rematarán cunha gran chocolatada.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button