En portadaÚltima hora

O Circuíto Galego de Teatro Amador achega catro representacións ao Barco

O pano abrirase o día 30 de setembro con Emperador, que pensas? Fala! da compañía lucense Hipócrita Teatro
Imaxe dunha escea da obra "Emperador, que pensas?", que poderá verse no Barco./ Foto cedida.
Imaxe dunha escea da obra “Emperador, que pensas?”, que poderá verse no Barco./ Foto cedida.

Do o 30 de setembro e o 8 de outubro o Teatro Lauro Olmo da vila acollerá catro representacións doutras tantas agrupacións de teatro afeccionado galegas. Forman parte do Circuíto Galego de Teatro Amador, que se achega un ano máis ao Barco. A iniciativa, como en anteriores edicións, vén da man de Gargallada Teatro en colaboración co Concello do Barco e coa Federación Galega de Teatro Afeccionado, entre outras entidades.

Todas as representacións serán ás 21h. e a entrada terá un custe de 3 euros. O programa da mostra abrirao a compañía lucense Hipócrita Teatro con Emperador, que pensas? Fala! o día 30 de setembro. Con esta obra achegarán aos espectadores á última etapa do Imperio romano, inmersa na decadencia e na que o emperador Galerio decide refuxiarse na urbe de Lucus Augusti, onde se verá sorprendido por unha serie de situacións complicadas.

Ao día seguinte, 1 de outubro, o público valdeorrés terá a oportunidade de ver Exposición de cuatro mementos de Teatro Escoitade (Valladares/ Vigo). Nesta obra, que transita pola temática da crise en tono de comedia e farsa, preséntanse catro pezas curtas conectadas, cada unha delas con espazo escénico propio, pero no que comparten unha camara negra e un gran monitor ao fondo.

Apenas unha semana despois, o 7 de outubro, a compañía ourensá Marañao Teatro porá en escena no Barco Inmortal, baseada libremente no Drácula de Bram Stoker. A trama comeza coa enfermidade inexplicable de dúas mulleres, que presentan dúas marcas no pescozo. Co falecemento dunha delas, o personaxe do profesor Germán decide iniciar unha investigación.

Ourensá será tamén a derradeira das propostas deste certame de teatro afeccionado, prevista para o 8 de outubro. Trátase de Media de callos, elaborada por Tiruleque Teatro do Carballiño, que sacará ao escenario a un total de trece actores. Con este suxerente título, a peza vai debullando diversas emocións, estados de ánimo ou anhelos dos personaxes ao redor do citado prato.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button