DeportesÚltima hora

O Club ArcoBarco cancela a XIII edición da súa tirada de sala polos danos na cuberta do pavillón de Calabagueiros

Estaba prevista para o sábado 26 de outubro nas categorías sénior recurvo e composto

Campionato galego de tiro con arco celebrado o ano pasado no Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Trala celebración o ano pasado do Campionato galego de tiro con arco, o Club ArcoBarco tiña xa programada a XIII edición do seu Trofeo de sala, para as categorías sénior recurvo e composto, previsto para o sábado 26 de outubro no pavillón de Calabagueiros.

Mais antes de rematar setembro, a menos dun mes para a proba, dende o club comunicaban a suspensión da tirada, explicando que “o temporal de hai uns días provocou graves danos na cuberta do pavillón onde se ía celebrar sen que o Concello, a pesar do seu interese, nos poida garantir a reparación para esas datas”.

 

 

Ao ser valedeiro para a obtención de estrela FITA con participación internacional, no caso de celebrar a tirada noutro pavillón “teriamos que solicitar a homologación con todo o papeleo que supón polo que con esta premura sería inviable en canto a tempo”, explica o vicepresidente do club Martín Gómez Segura, indicando que, non poden arriscarse a celebralo igual e que chova, procedendo á súa suspensión canto antes, “para evitar na medida do posible os inconvintes, tanto para nós como para os tiradores rexistrados, procedendo ao reingreso das inscricións polo mesmo medio de pago”.

Artigos relacionados

Back to top button