Despois de doce anos de traxectoria e de ter conseguido consolidala como unha proba de refencia a nivel internacional, con campións do mundo na liña de tirada, este ano non se celebrará a XIII edición do Trofeo ArcoBarco de Sala.
Cada ano, a cita reunía en pleno outono (a data oscilaba entre finais de outubro e comezos de novembro) a preto dun cento de arqueiros de difererentes partes de España e doutros países como Portugal, Italia, Bélxica ou Dinamarca xa que estaba homologado pola Federación Internacional de Tiro con Arco. A dous meses para a data o Club ArcoBarco, organizador da proba, anunciaba a través das redes sociais a súa suspensión, alegando que “próxima a data a realizar a XIII edición do noso trofeo seguimos sen recibir as axudas económicas que se nos comprometeran”.
Na mesma mensaxe, piden disculpas a todos os arqueiros que tiñan esta data marcada no seu calendario deportivo engadindo que “sen estas axudas a realización de dito evento resúltanos inasumible”, esperando superar estes problemas de cara a futuras edicións.
O que si asumiron dende o club de tiro con arco do Barco de Valdeorras foi a xestión da Escola Deportiva Municipal deste deporte para menores de entre 6 e 17 anos de idade (para os adultos interesados está dispoñible un curso de iniciación). A presentación será o 28 de setembro ás 19:30h. na sala de adestramentos situada no sótano do pavillón de Calabagueiros. O horario das clases será luns e xoves de 18:30 a 19:30h. para o grupo I; e de 19:30h. a 20:30h. para o grupo II.