
O club de lectura para adultos ‘Furgando nos libros’ do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives vén de comezar as actividades deste curso 2022/2023, coa primeira xuntanza no concello valdeorrés de Rubiá.
Do club forman parte pais de alumnos actuais, pais de antigos alumnos, persoal non laboral e tamén profesores do instituto, que na xornada deste xoves 6 de outubro facían un percorrido pola Serra da Enciña da Lastra visitando, entre outros monumentos naturais, a centenaria Aciñeira de Covas, unha das árbores senlleiras coas que conta Galicia.