DeportesNataciónÚltima hora

O Club Natación Valdeorras colleita ata 17 medallas no campionato galego máster de verán

 

Ata Santiago de Compostela desprazábanse os membros do Club Natación Valdeorras na pasada fin de semana para participar no Campionato Galego Máster de Verán, celebrado nas piscinas de Santa Isabel. Alí obtiñan uns destacados resultados, así na clasificación xeral por equipos, liderada polo CDN Ciudad de Santiago, os valdeorreses escalaban ata a posición 14 (con 1.688 puntos) de 32 clubs. Isto supón mellorar un posto respecto á 15ª posición que acadaban o ano pasado.

“Como adoita ser habitual, aScudimos cunha representación pequena, pero os resultados foron fantásticos. Como adestrador”, explica Jorge Espinosa, “volvo francamente contento porque, campionato tras campionato, nótase moitísimo a evolución e o traballo de todo o grupo. Imos na liña correcta, temos un equipo moi unido e a progresión de todos é innegable”.

 

 

Espinosa destaca novamente o papel das nadadoras do club valdeorrés. “Merece unha mención especial o rendemento da sección feminina: as mozas deron un salto espectacular, subindo do posto 19 ao 12 na clasificación da súa categoría e empatando a 207 puntos co C.N. Coruña. A nivel individual, a gran maioría conseguiu os obxectivos propostos e tráense a casa unha boa colección de metais nas súas respectivas categorías”.

Así, os resultados individuais son os seguintes:

  • Francisco Rodríguez Basanta (+65): Ouro en 400 estilos, Ouro en 200 espalda, Prata en 400 libres e Prata en 200 estilos.
    • Mara Vidal Bello (+45): Ouro en 400 estilos, Prata en 200 estilos e Bronce en 200 bolboreta.
    • María Rosa Barcala Pérez (+50): Ouro en 200 estilos, Ouro en 50 bolboreta e Bronce en 50 braza.
    • Amparo Rodríguez (+35): Ouro en 200 bolboreta, Prata en 200 estilos e Bronce en 400 estilos.
    • Yolanda Vázquez González: Ouro en 200 espalda, Prata en 400 libres e Prata en 200 libres.
    • Borja Torné (30+): Bronce en 50 bolboreta.

Fotos cedidas.

 

Back to top button