A finais deste mes de maio, en concreto o día 16, o Club Natación Valdeorras completaba a súa tempada na liga Galega Máster, competindo na derradeira xornada do calendario, que se desenvolvía na piscina Rosario Dueñas, na cidade de Ourense, e o seu balance é moi positivo.
“A verdade é que no club estamos moi contentos. Pechamos a tempada no posto 18 da clasificación xeral (nunha clasificación con ata 34 equipos) con 644 puntos. Poida que aos de arriba parézalles pouco, pero vimos do posto 19 con 567,5 puntos do ano pasado. A evolución durante as cinco xornadas foi moi constante, pero hai que facerlle un monumento á sección feminina”, resalta o adestrador desta entidade deportiva, Jorge Espinosa.

Así, destaca que as nadadoras “tiraron do carro claramente, subindo do posto 19 ao 15 este ano e achegando 347 puntos elas soas. Os mozos, pola nosa banda, patinamos un pouco, caendo ao posto 16 con 273 puntos… está claro que nos vai a tocar adestrar máis para o ano que vén”, comenta Espinosa, pensando xa en novos obxectivos de cara á tempada de verán.

Así mesmo, dentro da aportación que cada un dos nadadores do club valdeorrés realizaba a ese total da liga galega máster, destacan, por esta orde, os puntos de María Rosa Barcala, Francisco J. Rodríguez, Borja Torne, Manuela Rodríguez, Jorge Espinosa, Amparo de Dios, Mara Vidal, Yolanda Vázquez, Fernando Rebanal, Eva Rodríguez e Jessica Méndez, principalmente.
Fotos: Club Natación Valdeorras.
