En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O comité avaliador da Unesco visita as montañas do Courel para valorar a súa candidatura como xeoparque mundial

No marco desta visita asinábase en Quiroga un convenio de colaboración entre a Xunta e a asociación que promove este proxecto para difundilo, promocionalo e divulgalo

Despois de varios anos de tramitación, a candidatura a xeoprque mundial da Unesco que promove a Asociación Montañas do Courel (coa participación dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel) entra na súa fase final. Dous expertos do comité de avaliación da Unesco percorren nestes días esta zona do sur de Lugo. Están valorando sobre o terreo a candidatura e tras esta visita emitirán un informe decisivo.

No marco desta visita, na tarde do 18 de xullo tiña lugar no Auditorio de Quiroga a sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Asociación Montañas do Courel para o desenvolvemento de actividades de difusión, promoción e divulgación desta candidatura a xeoparque mundial. Este acordo suporá unha achega económica de 34.000 euros.

Neste acto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que a Administración autonómica estivo presente neste proxecto dende a súa orixe, colaborando con iniciativas como a construción de miradoiros, a sinalización de puntos de interese xeolóxico ou a realización de distintas xornadas técnicas que salientaban as peculiaridades deste espazo natural.

Durante as intervencións tamén tomaba a palabra o presidente da Asociación Montañas do Courel, o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, quen destacou a aposta que se vén realizando por este proxecto “estamos moi ilusionados con el e convencidos de que temos recursos xeolóxicos suficientes como para ter un xeoparque no noso territorio. Conseguir a denominación de xeoparque mundial é moi importante para nós e con esa idea estamos traballando e loitando”.

Tamén asistían a esta sintura o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, así como representantes do GDR Ribeira Sacra-Courel, da Deputación de Lugo e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e unha das expertas do comité de avaliación da Unesco, entre outras persoas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button