SanidadeÚltima hora

O Comité de Tumores do CHUO avaliaba 950 casos de cancro no 2024

Un equipo multidisciplinar está formado por especialistas de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía, Radioloxía, Anatomía Patolóxica, e Medicina Nuclear reúnese cada xoves para estudar e tomar decisións colexiadas sobre cada caso

 

O Comité de Tumores do Hospital Universitario de Ourense estudou durante o ano 2024 un total de 950 casos de cancro de mama, unha intensa actividade que da idea da relevancia deste órgano colexiado, formado por especialistas dos servizos de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía, Radioloxía, Anatomía Patolóxica, e Medicina Nuclear, que teñen a responsabilidade de valorar conxuntamente cal é a mellor alternativa terapeutica para cada paciente de xeito personalizado.

En Ourense reúnense todos os xoves a primeira hora e revisan unha media de 18 casos, que nalgúns casos ronda os 30 nunha mesma sesión. Mantense todos as 52 semanas do ano cambiando de día, só en caso de festivo. Este ano 2025 os casos revisados polo comité superarán os 1.000, porque os diagnósticos e tratamentos do cancro de mama evoluciona e seu proceso asistencial segue un itinerario cada vez mais complexo, polo que pode chegar a mesa da comisión de tumores en diferentes puntos.

En 2024 diagnosticáronse na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras 380 casos de cancro de mama, segundo os datos recollidos polo Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Universitario de Ourense, que procesou máis de 800 mostras para biopsia.

Segundo explica María Dolores López, xefa do Servizo de Oncoloxía Radioterápica e membro do comité desde hai máis de vintecinco anos, “a forza do comité está na visión multidisciplinar. Cada profesional achega o seu coñecemento e a súa experiencia, e iso permítenos decidir o mellor camiño para cada paciente. Todos aprendemos dos demais” explica.

Un traballo coordinado e integral

A entrada dun novo diagnóstico, e a súa entrada ao comité, pode producirse por diferentes vías, aínda que as máis habituais son a través de Radioloxía ou Cirurxía de Mama. Desde a Unidade de Radioloxía de Mama intervén ante a detección dunha sospeita no programa de cribado, polo que en caso de confirmarse, se presenta ao comité para abordar as mellores vías para completar o estudo ou planificar o tratamento. Con menor frecuencia, estes chegan desde a Unidade de Cirurxía de Mama , normalmente cando se detecta unha lesión palpable que require novos estudos.

A maioría das pacientes chegan xa cunha biopsia con diagnóstico confirmado de malignidade por Anatomía Patolóxica. A partir dese punto, o equipo valora o tipo de intervención cirúrxica —conservadora ou mastectomía— ou se é preciso un tratamento neoadxuvante, como quimioterapia ou radioterapia, para reducir o tumor antes da operación.

Revisión continua e decisións compartidas

O labor do comité non remata coa primeira valoración. “Habitualmente unha mesma paciente pasa varias veces polo comité ao longo do seu tratamento”, sinala López. “Cando remata a quimioterapia ou a radioterapia, ou despois da cirurxía, volvemos avaliar os resultados e decidimos se precisa tratamentos complementarios, como hormonoterapia”.

As reunións son tamén o espazo no que se abordan os casos máis complexos, sobre todo cando existen discrepancias entre os informes de radioloxía e anatomía patolóxica, os dous servizos centrais claves no diagnóstico. “Nesas situacións, ás veces pódese indicar a necesidade de repetir a biopsia, ou mesmo unha cirurxía diagnóstica, para evitar calquera risco de pasar por alto unha lesión maligna”, engade a especialista.

A importancia do consenso

A Comisión de Tumores de Mama leva funcionando en Ourense desde finais dos anos noventa. Na actualidade está formado por Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Cirurxía Xeral, Radioloxía, Anatomía Patolóxica, e Medicina Nuclear.

Cada servizo dispón de profesionais especializados na patoloxía mamaria, e ten a súa autonomía técnica, non si as decisións importantes son colexiadas e consensuadas no Comité. “En casos que poden implicar decisións tan drásticas, como unha mastectomía bilateral profiláctica, por exemplo, a decisión é sempre compartida”, explica López. “Valoramos todos os puntos de vista e aplicamos os protocolos internacionais, pero sempre tendo en conta as particularidades de cada paciente”.

Back to top button