EconomíaEconomíaÚltima hora

O comportamento do lobo en terreos humanizados, analizado nun curso de formación en Viana do Bolo

Á xornada sobre "Convivencia e prevención de ataques de lobo á gandeiría" asistían unha decena de gandeiros

 

Ter información de base científica do comportamento dun animal, neste caso dun gran carnívoro como é o lobo, é básico para cambiar as actitudes negativas que poida suscitar. Así o pensa o biólogo Luis Llaneza, quen na mañá deste 8 de outubro participaba nun curso de formación sobre “Convivencia e prevención de ataques de lobo á gandeiría” en Viana do Bolo.

Experto na conservación de gran fauna, concretamente dos gandes carnívoros, que traballa dende hai case 30 anos cos lobos, Luis Llaneza asegura estar encantado coa iniciativa que a Consellería do Medio Rural puxo en marcha a través da Oficina Agraria Comarcal de Viana. “Levamos anos coñecendo moito sobre o lobo pero non se está divulgando o necesario. Entón, o feito de presentar os estudos científicos aos gandeiros, demostrándolles na medida do posible, cos datos que temos, como facemos o traballo, como estimamos os lobos e como están nun terreo humanizado, para min é unha satisfacción moi grande porque é o xeito de intentar cambiar actitudes negativas cara este carnívoro”, asegura Llaneza.

 

Gandeiros asisttentes ao curso.

 

A xornada intensiva (8 horas) á que asistían unha decena de gandeiros da bisbarra, comezaba cunha charla do propio Llaneza sobre aspectos relacionados coa bioloxía e a ecoloxía do lobo en terreos humanizados, para pasar a falar do conflito social “que hai que abordar tamén cunha perspectiva científica, cos estudos de actitude”, explicaba o ponente. Esa parte do curso derivou nas ferramentas que se poden utilizar para intentar minimizar os danos na gandeiría, “o que son os métodos de prevención que levan facéndose milenios. De feito dende que nos fixemos pastores sedentarios, inventamos sistemas para que os grandes carnívoros non ataquen o noso gando, cos cans mastíns, cos redís,… toda a cultura pastoril vai dirixida a este fin”.

Trala parada para xantar, a xornada continuaba coa visita a explotacións da zona para a análise in situ da situación e o establecemento de pautas personalizadas a seguir.

 

Nieves Fernández Vidueira, gandeira.

 

Nieves Fernández Vidueira, gandeira asistente a curso en Viana do Bolo

Entre os asistentes ao curso sobre o lobo estaba Nieves Fernández Vidueira, veciña de Viana para quen o tema é un tanto delicado porque aos gandeiros, o lobo quítalles o pan, aínda que recoñece que “está ben que nos expliquen as estatísticas de como evolucionou”. Nieves asegura que no curso falaron da cantidade de lobos que hai e a forma que teñen na Xunta de controlar as manadas, así como os danos que causan “aínda que non o saben con exactitude porque os gandeiros xa pasamos de dar parte cando non hai forma de identificar ao animal porque o único que facemos é perder a mañá cando veñen os de Medio Ambiente para ver os danos e despois non abonan nada polo que non saben os danos que fai en realidade ese lobo”.

A ese respecto esta gandeira lamenta que sexan eles quenes están mantendo o lobo para que todo o mundo os desfrute. “Estamos dacordo en que non se pode extinguir, pero que o resto da sociedade coopere, non só os gandeiros. Só queremos que nos paguen os danos que nos ocasiona o lobo. Xa que todo o mundo quere que os haxa, que nos paguen o dano que nos ocasionan”, di, engadindo que debe haber moitos lobos porque a serra está chea de restos de corzas. “E cando se acaben ¿que van comer os lobos?, pois o máis fácil, as ovelllas”, conclúe.

 

Luis Llaneza, un dos ponentes do curso.

 

Luis Llaneza, biólogo, investigador experto na xentión e conservación de grandes carnívoros

Como un dos ponentes do curso impartido en Viana do Bolo, a este biólogo e consultor privado tocoulle falar da parte biolóxica e ecolóxica do lobo e asegura que é lóxico que os gandeiros se queixen e pidan contraprestacións. “En Europa, en Galicia, en Ourense, os lobos están convivindo co gando e a nosa sociedade quere conservalos, polo tanto imos ter que cohabitar aínda que hai unha parte que ten certos problemas cando están vivindo no seu territorio como é o caso dos gandeiros, polo tanto temos que empezar a articular todos os mecanismos necesarios para que ese impacto sobre a cabaña gandeira se minimice. Temos que comezar a falar cos gandeiros sobre as estimas reais”, di.

Llaneza asegura que as poboacións de lobo están crecendo na Península Ibérica e en toda Europa e esa “é unha realidade que está aí e xera danos polo que debemos buscar eses mecanismos que nos axuden e un deles son estas reunións en entorno rurais onde transmitimos esa información intentando xerar confianza malia que sempre hai problemas porque a Ecoloxía non é unha ciencia exacta pero é importante ver como se fan as cousas e como se comporta o lobo en terreos humanizados. Efectivamente nalgunhas zonas a incidencia na cabaña gandeira é importante e iso hai que dicilo”, asegura, explicando que os cambios de actitude do mundo rural cara a conservación dos grandes carnívoros foron enormes, algo do que está especialmente orgulloso porque “conseguimos que unha actitude de evitar o problema para sobrevivir como gandeiro, cambiara á aceptación. Agora ben hai que compensar eses danos e facelo con rapidez. Ímolo facendo pouco a pouco. Non podemos solventar os problemas da noite a mañá pero imos no camiño”, conclúe.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button