En portadaÚltima hora

O Concello do Barco retirará unha árbore da praza de Viloira

A decisión tomábase tras recibir un informe da Estación Fitopatolóxica de Areeiro que tamén recomenda tratar outras seis que están enfermas
Lugar que ocupaba a árbore caída en abril na praza de Viloira (O Barco)./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Lugar que ocupaba a árbore caída en abril na praza de Viloira (O Barco)./ Foto: Ángeles Rodríguez.

A Comisión de Medio Ambiente do Concello do Barco acordaba na reunión celebrada na tarde do 20 de xullo estudar as medidas a adoptar tras a recepción do informe remitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro sobre o estado das árbores da praza de Viloira.

“Dacordo co informe, unha das árbores, a situada máis preto do que caeu hai uns meses, ten os mesmos danos por fungos, polo que sería recomendable a súa tala e retirada, para evitar que puidera caer de xeito accidental”, tal e como se explica dende o Concello. Neste senso a edil de Medio Ambiente do Barco, Diana Urdangaray, propuxo “a retirada inmediata da árbore, para evitar posibles accidentes neste praza”.

Con relación ás outras 12 árbores situadas na praza, e das que se tomaron mostras para a súa análise, o informe indica que “seis dan resultados negativos en fungos e/ou enfermidades, e outras seis teñen algún tipo de dano. Para estes últimos, o grupo de goberno propuxo a realización de tratamentos para o seu saneamento e a realización, no outono, dunha poda controlada das copas máis elevadas para conseguir a súa curación completa”, tal e como se informa dende o Concello do Barco.

Para facer os tratamentos, o Concello contactará cunha empresa especializada que terá que analizar os resultados da estación fitopatolóxica e propor as alternativas existentes, “sempre pensando en que as árbores estean curadas nun prazo de tempo o máis curto posible e que resulten seguras para os veciños”.

Artigos relacionados

Back to top button