
Un paso máis en firme cara a posta en marcha do albergue de peregrinos do Casco Vello de Ourense. A cesión do inmoble municipal da rúa da Barreira á Xunta formalizouse esta mañá coa firma dunha acta entre o alcalde do Concello, Jesús Vázquez, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. Con isto, o goberno autonómico adquire a capacidade para xestionar as instalacións e levar a cabo a nova construcción. Previsiblemente estará rematada no 2017.

O departamento autonómico investirá 800.000 euros nesta actuación, que vai destinada a mellorar a capacidade de acollida de peregrinos da Vía da Prata. Este itinerario xa recibiu 4.500 peregrinos no que vai de ano e actualmente conta cunha docena de albergues públicos, nove na provincia ourensá.
En canto ao inmoble propiamente dito, ofrecerá 50 prazas que se sumarán á rede de albergues do Camiño de Santiago. Contará con duchas, aseos, lavandería e almacén de mochilas.
“Con esta infraestrutura Ourense quere afianzarse como cidade amiga do peregrino”, valorou o rexedor. Pola súa banda, Nava Castro subliñou a necesidade destas instalacións “en vista dos peregrinos que se decantan por este itinerario xacobeo”. Ao mesmo tempo, cren que dinamizará o turismo na zona e porá en valor un edificio histórico do Casco Vello.
No acto tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e a concelleira de Turismo e Termalismo, Isabel Castelo.