
A primeira ordenanza do servizo de Ludoteca, coidado de nenos e nenas e Tempo de Lecer do Concello da Rúa data de 2016, sendo modificada no 2017 e 2021 polo que “necesitaba a modificación de certos artigos para facela máis operativa e adaptada aos tempos e necesidades actuais”. Así o adiantaba o concelleiro socialista Luis Fernández Gudiña no primeiro Pleno ordinario do ano celebrado na tarde-noite do luns 13 de xaneiro, no que era aprobada, con seis votos a favor e cinco abstencións, a modificación desta ordenanza que afecta a catro puntos básicos: horario, numero de prazas, prazos de solicitude e sistema de puntuación.
Entre os cambios incluídos na nova ordenanza destaca a ampliación das prazas dispoñibles. A Ludoteca pasa de 40 a 50 prazas, ademais de 2 a 3 prazas para sociofamilias (en perigo de exclusión social) só para os nenos do concello; e o Tempo de Lecer de 60 a 70. Ademais, adiántase a data de inicio para que coincida co inicio do curso no mes de setembro; e créanse novas modalidades horarias con tres opcións: xornada completa, de 7:30 a 9:15 e de 15:15 a 19:45 horas; tarde, de 15:15 a 19:45 horas; e madrugadores, de 7:30 a 9:15 horas.
Esta actualización tamén inclúe cambios nos prazos de solicitude que se abrirán o 1 de xullo para a Ludoteca e o 1 de maio no caso do Tempo de Lecer. No caso de que exista un empate entre os demandantes do servizo, a proposta contempla, como punto para desempatar, o día e hora no que se formalizou a solicitude.
Con respecto á ordenanza fiscal, aprobada por seis votos a favor e cinco en contra, fixa unhas taxas actualizadas, diferenciadas por tipo de servizo e número de membros por familia. Na ludoteca, a xornada completa custará 40 euros ao mes, mentres que a opción de tarde terá un custo de 30 euros e a de madrugadores, 20 euros. Para dous ou tres nenos dunha mesma familia aplícanse descontos, reducindo as tarifas a 70 e 105 euros, respectivamente, para xornada completa; 50 e 75 euros para a opción de tarde; e 30 e 45 euros para madrugadores. No caso do Tempo de Lecer, que funciona por quincenas, as tarifas serán de 40 euros para un neno, 70 euros para dous e 105 euros para tres.
Durante o pleno, Fernández Gudiña destacou que tanto a Ludoteca coma o Tempo de Lecer son servizos moi demandados e cun custo elevado para o Concello cun déficit que agardar reducir en certa medida coa suba das taxas. “Propoñemos un incremento que permitirá aumentar os ingresos ata 33.400 euros anuais, co cal o Concello asumirá o 50 % do custo, fronte ao 75% que asumía ata agora”, indicou.
Desde o Partido Popular, o voceiro Álvaro Fernández mostrouse crítico con este incremento, tildándoo de “innecesario”, tendo en conta o aumento de ingresos no Concello por outros lados e para non cargar aínda máis “ás familias que xa están nunha situación económica complicada”.
Neste pleno tamén se aprobaba, con 6 votos a favor e 5 abstencións, a delegación de competencias ao Consorcio de Augas de Valdeorras para a redacción da ordenanza do servizo de saneamento.