A RúaConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa convocará un pleno monográfico sobre as piscinas municipais

Na sesión ordinaria do mes de novembro os edís do PP abandonaban o Pleno tras retirarlle a alcaldesa o uso da palabra

 

Continúa a tensión no Pleno do Concello da Rúa. A sesión ordinaria do mes de novembro, celebrada na noite do luns día 6, comezaba con alegría e celebración pero remataba de malas formas, dúas horas despois e sen os concelleiros do Partido Popular que se retiraban no turno de rogos e preguntas tras a retirada por parte da alcaldesa, do turno da palabra ao voceiro.

Tras a entrega dunha placa ao ciclista rues Sergio Calvo Bembibre, como recoñecemento do Concello da Rúa á súa traxectoria e proxección deportiva, daba comezo a sesión que unicamente levaba tres puntos na orde do día. A aprobación da acta da sesión anterior quedaba sobre a mesa a petición da oposición “por non aparecer transcritas ao pé da letra” as súas intervencións, especialmente no turno de rogos e pregustas. A organización e disposicións comúns de control interno, un sistema que permite a fiscalización previa dos expedientes do Concello, para axilizar os procesos de tramitación administrativa, era aprobada por 6 votos a favor (BNG, PSOE e RUA) e 4 abstencións (PP), quedando o resto de pleno adicado a rogos e preguntas.

 

Un momento do Pleno na Rúa.

 

Nese apartado, a alcaldesa María G. Albert, foi contestando ás cuestións en forma de escritos feitas polo voceiro da oposición, o popular Álvaro Fernández, no anterior pleno, entre elas a referida ás piscinas municipales, que quedaron sen contestación porque tal como xa avanzara no anterior, “farase un pleno extraordinario monográfico sobre este tema”, aclarou Albert.

A polémica chegaba tras hora e media de pleno e trala réplica do portavoz popular ás respostas da alcaldesa, reiterando a súa petición de “que nolas pase por escrito”. Nese momento Álvaro Fernández dirixiuse directamente ao líder do RUA, José Vicente Solarat, que formou parte da xunta de goberno do PP hai catro anos e que esta vez asinou o tripartito con BNG e PSOE. A alcaldesa lembroulle ata en tres ocasións que tiña que facer un rogo ou unha pregunta ou tería que quitarlle a quenda de palabra. Fernández continuou polo que Albert quitoulla, ante o cal os edís do PP levantáronse e marcharon da sala.

 

O portavoz da oposición, o popular Álvaro Fernández.

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button