ConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa reabrirá mañá, 25 de maio, algunhas das instalacións municipais

As portas da Casa Consistorial e da Biblioteca así como as pistas de tenis, abren coa entrada na Fase 2 da desescalada

Fachada do Concello da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Mañá, luns 25 de maio, Galicia e con ela Valdeorras entrará na Fase 2 da desescalada cara unha nova normalidade establecida polo Goberno central, que supón unha maior flexibilidade para a realización de actividades ata o momento moi limitadas. Así, entre outras medidas, elimínanse as franxas horarias, agás as reservadas para os maiores de 70 anos entre as 10 e as 12 da mañá e as 7 e as 8 da tarde; e aumenta a distancia en que nos podemos mover, ata 5 quilómetros do noso domicilio incluídos concellos lindeiros sempre que estean na mesma provincia. Ademais permitiranse reunións con familiares ou amigos en vivendas ou bares e terrazas de ata 15 persoas; e a actividade volverá tamén ao interior dos establecementos hostaleiros que deberán limitar a afluencia ao 40% e gardar as distancias de seguridade.

Tamén as entidades locais poderán reabrir ao público as súas instalacións, que no caso do Concello da Rúa será de forma progresiva, tal e como se reflicte no bando que vén de facer público. Comezarán pola Casa Consistorial, as pistas de tenis e a biblioteca. “Todas elas terán o seu acceso supeditado á cita previa e co cumprimento das medidas de seguridade e hixiene expostas no bando para a protección do persoal e de todos os veciños e veciñas de A Rúa fronte o Covid-19”, explican dende o Concello, engadindo que no que respecta á Biblioteca Municipal, publicarán na web municipal e na súa páxina de facebook as medidas a ter en conta para acudir á mesma.

 

Artigos relacionados

Back to top button