A VeigaConcellosÚltima hora

O Concello da Veiga podería poñer en marcha un polígono agroforestal centrado na gandaría

O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron unha reunión de traballo co alcalde, Juan Anta

O alcalde da Veiga reuniuse co conselleiro do Medio Rural.

 

Na mañá deste venres 4 de  agosto, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuníase co alcalde da Veiga, Juan Anta, na Delegación territorial da Xunta en Ourense, para abordar diferentes temas de interese para o rural deste municipio, especialmente no que atinxe á posta en valor do territorio a través dos diferentes instrumentos que facilita a vixente Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así, “avanzouse no desenvolvemento do proxecto da aldea modelo de Meixide, situada neste concello, e máis concretamente na recuperación da súa contorna urbana”, explican dende Medio Rural, indicando que, para esta iniciativa, “o Concello dispón do apoio desta Consellería, que ademais de achegar fondos vai impulsar tamén a investigación da titularidade das edificacións, co fin de completar o proceso de rehabilitación”.

Tamén en materia de recuperación da terra, “avaliouse a posibilidade de poñer en marcha un polígono agroforestal na zona de Santa Cristina, centrado na gandaría, e tratouse, así mesmo, a mellora das diferentes infraestruturas rurais deste concello. Asemade, falouse da posibilidade de recuperar áreas de soutos de castiñeiros no termo municipal”.

Por último, en relación coa loita contra os incendios forestais, na reunión “analizáronse tamén os traballos, actualmente en marcha, de creación dunha base operativa para o persoal do Servizo de prevención, que se leva a cabo en virtude dun convenio asinado entre a Xunta e o Concello”, conclúen dende a Consellería do Medio Rural.

Artigos relacionados

Back to top button