EconomíaEconomía

O Concello de Allariz pon en marcha a campaña “Eu merco en Allariz, eu merco en galego”

Vén de presentarse “Eu merco en Allariz, eu merco en galego”, unha iniciativa conxunta da Área de Normalización e da Área de Promoción Económica, Comercio e Turismo. Está dirixida ao sector comercial de Allariz e o obxectivo é, por un lado, conseguir que se atenda á clientela e provedores preferentemente en galego e que todos os rótulos, carteis e publicidade, xunto con elementos exteriores, estean tamén na nosa lingua.

Por outro lado, pretende estimular á clientela galego-falante a que manteña a súa lingua habitual nas relacións comerciais e animar, como non, a que fale na lingua propia aquel que non o fai habitualmente.

Esta campaña está dirixida a reforzar os valores positivos que pode engadir o uso do galego na comunicación comercial e pretende promover, tamén, as compras no comercio local. Por iso, todas as persoas que realicen compras entre o 14 e o 18 de maio nos establecementos de Allariz, que se acollan á campaña, recibirán un adhesivo e poderán optar a dous premios de 100 € para mercar no comercio local, así como dous lotes de libros de Xela Arias, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Desde a Área de Normalización Lingüística, poñen a disposición un correo electrónico normalizacion@allariz.gal para todo o sector comercial de Allariz, no que poderán enviar aquelas dúbidas que poidan ter respecto ao galego e ao seu uso nas relacións comerciais.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button