OurenseÚltima hora

O Concello de Castrelo de Miño adquirirá unha nave para usos municipais

O seu alcalde sinala que o concello é deficitario de espazos públicos onde gardar tanto o material como a súa flota de vehículos municipais, polo que necesitaba dun recinto para uso de almacén e ao mesmo tempo de garaxe

Nave que ten previsto adquirir o Concello de Castrelo de Miño./ Cedida.

 

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, informa do acordo da última Xunta de Goberno Local desenvolvida o pasado xoves 22 de abril, polo que o Concello de Castrelo de Miño acordou o inicio do procedemento para a compra dunha nave de 272 metros cadrados por un importe de 48.000 euros no lugar de Prado.

“Dada a situación económica na que se atopa o concello, esta operación soamente foi posible grazas á colaboración fundamental da Deputación de Ourense”, asegura o rexedor, “mantendo deste xeito a liña marcada dende que asumimos a responsabilidade de goberno de optimizar e valorizar os servizos, prioritariamente propios, para poder facer fronte á débeda adquirida sen restar a calidade das prestacións municipais ofertadas á veciñanza”.

O Concello de Castrelo de Miño, deficitario de espazos públicos onde gardar tanto o material como a súa frota de vehículos municipais, necesitaba un recinto para uso de almacén e ao mesmo tempo de garaxe. Esta necesidade é maior se cabe, tralo inicio inminente das obras de derrube do edifico do Club Náutico, onde se emprazarán as novas instalacións que acollerán a celebración no verán de 2022 da proba europea “Coupe de la Jeunesse”.

Avelino Pazos aclarou que levan meses buscando un lugar apropiado que se axustara ás alturas e aos espazos das necesidades municipais. Despois da súa localización, e tralos informes técnicos e de valoración pertinentes, “decidimos que este era o lugar axeitado”.

Por último, o alcalde subliñou a importancia da colaboración institucional da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e matizou que “sen o compromiso manifesto de ámbalas dúas administracións estes tipos de proxectos non poderían facerse realidade”.

Artigos relacionados

Back to top button