ConcellosÚltima hora

O Concello de Larouco recoñece o traballo do seu xuíz de paz, Ricardo Panizo

Ricardo Panizo co certificado que lle entregaba o Concello de Larouco./ Foto cedida.

 

Nada máis comezar o ano, o Concello de Larouco recoñecía o traballo e esforzo do seu xuíz de paz, Ricardo Panizo Arias, que leva exercendo este posto dende hai seis anos. “Ata entón dedicábame ao ensino de Xeografía e Historia, pero cando me xubilei, decidimos cambiar a cidade polo rural, e viñemos para aquí, de onde é orixinaria a miña muller”, explica.

Amósase moi agradecido pola distinción, que se lle entrega en forma de “certificado de recoñecemento e mérito” polo seu labor. “Fixérono porque as persoas do Concello son moi boa xente e quixeron homenaxearme. Eu boto unha man no que podo e, ao mesmo tempo, isto mantenme activo intelectualmente e sérveme de entretemento, xunto coa xardinería, que é outra das miñas afeccións”.

Ricardo Panizo explica que nun xulgado de paz realízanse multitude de trámites relacionados coas personas dende que nacen ata o seu falecemento: dende partidas de nacemento e defuncións, pasando por fes de vida, etc . “Ultimamente estamos tendo moi movemento, tras a aprobación da Lei da Memoria Histórica, xa que hai moitos fillos de emigrantes en países de Sudamérica como Arxentina, Brasil, Cuba ou Venezuela que están solicitando partidas de nacemento para poder solicitar, acolléndose a esa lei, a cidadanía española. Nos temos documentos dende 1771 ata a data actual”, comenta.

Outro tipo de documentación que lle solicitan con certa frecuencias son as fes de vida. “Hai tamén moitas persoas que traballaron no estranxeiro e ás que lle piden xustificar cunha fe de vida para poder continuar cobrando a súa pensión”, comenta.

Ademais, do apartado civil, está a parte penal. “Tamén ten moita importancia porque por un xulgado de paz pasa todo o que teña pasado polos xulgados de primeira instancia e que afecte aos veciños dun municipio”, matiza.

O seu é un traballo burocrático pero que lle permite axudar a moitas persoas que están tramitando procedementos administrativos. “O meu labor tamén lle reporta un beneficio á cidadanía e iso é moi satisfactorio, non o fago por ningún tipo de interese económico”, conclúe Ricardo Panizo.

Artigos relacionados

Back to top button