
No vindeiro curso 2016/2017 o Concello de Manzaneda voltará a prestar o servizo de comedor escolar no CEIP deste municipio. O Consello da Xunta celebrado o 16 de xuño vén de dar o visto á renovación do acordo de colaboración con esta entidade municipal, que asumía o servizo neste curso que está a piques de rematar.
No marco deste acordo, “a Consellería de Educación subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, o concello comprométese á contratación da elaboracióin e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas”, segundo a información feita pública pola Xunta.
Dende o Concello de Manzaneda, o seu alcalde, David Rodríguez, confirmaba que as condicións deste acordo que se vai renovar son as mesmas que as do pasado curso.