
O Concello de Ourense abre o prazo para anotarse no programa de actividades de lecer infantil do programa Coeduca, destinado a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, e que se desenvolverá do 23 de decembro ao 7 de xaneiro de 2021 en horario de 9 a 14 horas.
Trátase dun programa de lecer infantil para axudar a conciliar os tempos das familias, e está subvencionado polo Ministerio de Igualdade – Pacto de Estado. Este ano, polas limitacións sanitarias impostas pola Covid-19, a participación neste programa está limitada a 10 menores.
As familias interesadas poderán anotarse mañá, martes 22 de decembro, en horario de 10 a 13 horas nas dependencias da Concellería de Igualdade (rúa do ensino 21). Máis información nos teléfonos: 672 780 515 e 687 050 196.
O espazo Coeduca, inaugurado en xuño de 2012, é un lugar de referencia para desenvolver programas socio-educativos que permitan conciliar os tempos laborais, familiares e persoais das ourensás e os ourensáns, como unha medida compensatoria incardinada no II Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense.
O espazo conta cunha ampla sala dotada de xoguetes, películas, contos, libros e xogos educativos e material didáctico para nenas e nenos, coidadosamente seleccionados de cara a garantir un correcto tratamento non sexista dos seus contidos e usos. Ofrécese un espazo que fomente a educación equitativa e igualitaria en liberdade e a convivencia coa diversidade, promovendo un modelo coeducativo onde non teña cabida ningún tipo de discriminación.



