OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense decide cancelar o Entroido 2021 pola situación sanitaria

Publicidade

 

Imaxe do desfile do Entroido de Ourense nun ano anterior./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello de Ourense vén de anunciar a decisión de cancelar os actos festivos para o Entroido de 2021 “ante a evolución da pandemia e o incremento da curva de contaxios nas últimas semanas”. Desta maneira, paralízase a organización dos eventos tradicionais desta época (Xoves de Compadres e de Comadres, desfile, elección de rei/raíña do Entroido, animación na rúa con DJs) e “farase un chamamento á responsabilidade da cidadanía sabendo que é unha das datas máis celebradas do calendario festivo ourensán”.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, apela á responsabilidade institucional para tomar esta decisión e anuncia que se estudará a posibilidade de introducir elementos de animación de rúa, caso das charangas e cabezudos do San Martiño, para manter o espírito festivo entre a poboación.

Actualmente, a nosa cidade atópase nunha situación de risco media-alta, e as autoridades sanitarias decretan o peche perimetral dos concellos de Ourense e de Barbadás, o peche da hostalería ás 18:00 horas -cun 30% de aforo no interior e 50% no exterior-, as reunións persoais limitadas a un máximo de catro persoas, e a mobilidade nocturna restrinxida de 23:00 a 6:00 horas, entre outras.

O rexedor confía en que a evolución dos casos en Ourense vaia descendendo e a cidade poida ir recuperando, aos poucos, as citas do seu calendario festivo.

Artigos relacionados

Back to top button