OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense suprimirá a ORA nos próximos meses

O Goberno municipal entende que "xera complicacións e poucas vantaxes, porque dá escasos ingresos e produce tráfico de axitación"

Concello de Ourense.

 

O Concello de Ourense vén de informar do inicio dos trámites burocráticos para “eliminar todos os aparcamentos de pago en zona azul (ORA) da cidade”. Unha supresión que require levar a cabo un cambio na ordenanza reguladora desta taxa, que o goberno municipal “espera levar a aprobación a finais deste ano, de xeito que poida aplicarse na próxima primavera”.

O alcalde Gonzalo Jácome explica que os motivos obedecen a varias razóns. “A ORA comezou hai máis de 3 décadas e chegou a ter un pico de 1.004 prazas de aparcamento en zona azul. Cos diversos cambios de rúas e outros avances para zonas peonís e de carga e descarga na cidade, moitas das prazas foron reducíndose paulatinamente, de forma que a día de hoxe quedan 744. Mais as próximas peonalizacións de rúas como Bedoya, Valle Inclán, Ramón Cabanillas etc. xunto co futuro aumento de prazas de carga e descarga, ou os aparcadoiros exprés gratuítos que se implantarán nalgunhas zonas a xeito de experiencia piloto, farían que no futuro só quedasen operativas escasamente 500 prazas”, di.

Chegados a este punto, o Goberno municipal entende que “debe suprimirse a zona ORA polas complicacións e poucas vantaxes que esas 500 prazas presentarían”. E tamén que ”o sistema por unha banda, proporcionaría poucos ingresos e por outra, non provoca rotación de vehículos, xa que quen aparca adoita estar toda a mañá ou toda a tarde completa”. Engade que ademais “búscase que poucos coches circulen polo centro e isto é complicado se hai zona ORA porque se produce tráfico de axitación, de coches que buscan onde aparcar. E encima debe manterse o contrato cunha empresa, o cal se rescindirá, aforrando o consecuente pago concesional”, conclúe.

O goberno municipal agarda contar co apoio de todos os grupos municipais nesta iniciativa: “Aínda que só é precisa unha votación de maioría, interpretamos que PSdeG-PSOE e BNG non se opoñerán a este cambio, xa que na única cidade que goberna o BNG (Pontevedra) non existen os aparcamentos ORA, e tampouco existe xa na cidade xemelga de Ourense (Lugo), gobernada polo PSOE, que suprimiu a ORA hai case 10 anos”.

 

Parquímetro da ORA en Ourense.

 

O goberno municipal pon de manifesto que “a maior presión de prazas de ORA dáse en zonas máis céntricas, precisamente onde se pretende que se alixeire o tráfico rodado, e baléirase o sentido de aplicar fórmulas de pago por permitir estacionar nesas rúas”.

Con estes cambios, a maioría de prazas ORA do centro substituiranse polas cada vez máis demandadas zonas de carga e descarga (as persoas residentes poderán aparcar de noite), aparcadoiro de mobilidade reducida, recargadores de coches eléctricos, espazo para novos sets de 5 contedores de recollida de lixo e mesmo veladores de hostalería, entre outros. Ademais, en zonas máis afastadas do centro, aplicarase algún programa piloto de aparcadoiro exprés.

Paralelamente, para reducir o volume de vehículos nas rúas, o Concello impulsará o transporte público cuxas novas e máis eficientes liñas estarán operativas cando se suprima a ORA.

Dende o Grupo Municipal Popular informan de que fará un estudo exhaustivo sobre a eliminación da zona azul antes de posicionarse. “É unha decisión unilateral da que non tíñamos ningunha información. Dende o grupo, faremos primeiro un estudo de viabilidade e consenso para ver se sería unha decisión acertada ou non. Polo momento, non nos posicionaremos ata dispoñer dos informes técnicos oportunos que amparen dita decisión”, aseguran.

Artigos relacionados

Back to top button