Lúdico, medioambiental e solidario. Son os tres compoñentes da “Xornada de pesca do peixe lixo” 2017 organizada por SilTrip, situada no embarcadoiro de Chancís. Unha actividade que se celebrará o vindeiro sábado 17 de xuño, á que este ano se uniron Boral Aventuras, no embarcadeiro de Doade, e o albergue A Fábrica da Luz, no concello de Parada de Sil.
O obxectivo deste evento é recoller o lixo acumulado no río Sil e así axudar a preservar o entorno natural dos canóns. Para iso, o albergue de Parada de Sil porá a disposición dos participantes, 3 kayaks bipraza para traballar nun dos tramos do Sil. O Concello de Parada tamén colabora con esta iniciativa medioambiental “coa recollida de todo o lixo recompilada polos voluntarios que participen na xornada”.
O horario será de 11 a 13 e de 16:30 a 18 horas e tamén poden participar os máis pequenos da casa acompañados por un adulto, iso si, “é necesario reservar praza para realizar os turnos de limpeza a través do correo electrónico: info@afabricadaluz.com ou do teléfono: 988 984 990”, explican dende Parada de Sil.
Ao finalizar a recollida, sortearanse no embarcadoiro dos Chancís diferentes agasallos ofrecidos por empresas da zona que queren aportar o seu gran de area.