ConcellosQuirogaÚltima hora

O Concello de Quiroga asina unha nova Área de Rehabilitación Integral

Permitirá levar a cabo novas actuacións de rehabilitación na vila de Quiroga e en Pacios de Mondelo, por un importe de 73.399,67 €

 

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, asinaba na tarde do 1 de decembro en Santiago de Compostela coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a Ministra de Transportes, Mobiilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez; un novo convenio de financiamento das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI). Quiroga únese aos 22 concellos de toda Galicia que acadaron a firma deste novo convenio.

Este novo acordo a tres bandas permitirá levar a cabo novas actuacións de rehabilitación na vila de Quiroga e en Pacios de Mondelo, por un importe de 73.399,67 €. Esta axuda unida ao Plan Hurbe asinado coa Xunta de Galicia, fai que Quiroga dispoña duns 176.000 € para investir en vivenda.

Unha vez asinado o convenio, agora o Concello procederá a convocar as axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas con fins residenciais. Ao amparo deste programa de axudas, que xa sería o oitavo que asina o Concello de Quiroga, poderanse levar a cabo actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas, tanto interiormente como na parte exterior. Incluíndo melloras na eficiencia enerxética e sustentabilidade, na seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas, ata un máximo de 24.000 € por vivenda a executar ata o ano 2025.

Ademais, o Concello recibirá tamén axudas para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da área de rehabilitación integral, cun importe de ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada; así como financiamento para sufragar os custos da oficina municipal de rehabilitación.

Coa declaración de ARI, o concello participou nos diferentes plans de vivenda dende o ano 2010 para conceder axudas de rehabilitación de vivenda, agás o pasado ano 2020 en que non se solicitou dende a oficina municipal de vivenda. Dende o ano 2014 a zona de rehabilitación que incluía a Pacios de Mondelo e á Praza Maior ampliouse a unha importante parte da vila de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button