
Tras coñecerse a complicada situación sanitaria que está vivindo estes días Quiroga, o seu alcalde, Julio Álvarez, vén de recomendar á veciñanza que non saia á rúa a partir das 18h. O Sergas informaba esta mañá que o concello ten nestes momentos 17 casos positivos de Covid-19. Mentres, séguense a facer probas PCR a todos aqueles contactos directos destes positivos, para detectar posibles novos casos.
Por iso, esta mañá o rexedor local facía un chamamento a todos os veciños para que “non saian dos seus domicilios a partir das seis da tarde”, saír soamente para cumprir coas súas obrigas laborais, para mercar ou por motivos médicos.
Ademais anunciaba que por cautela pechouse o Centro de Día, a Unidade de Atención Temperá, todas as actividades da Casa da Cultura e os ximnasios. Estes peches únense ás instalacións deportivas, aos parques infantís e ás instalacións do Centro Social que se pecharon xa a pasada semana.
Tamén se intensificaron as medidas de desinfección tanto cun tractor con pulverizador que recorre as rúas da vila e dos demais núcleos de poboación, como manualmente, naquelas entradas de edificios máis concorridas.
Como medida preventiva, todos os traballadores municipais someteranse a probas PCR, aínda que polo momento non se detectou ningún caso en ningún departamento, segundo informa o Concello.