O salón de plenos do Concello de Ribadavia acollía esta mañá o acto de entrega de premios do concurso de microrrelatos contra a violencia de xénero. Este concurso, promovido polo Concello de Ribadavia, ten como obxectivo visibilizar e sensibilizar a realidade desta lacra social, a violencia machista, entre todas as capas da poboación e contribuír deste xeito tamén contra a súa erradicación.
Esta edición do concurso contou con dúas categorías. Unha categoría para participantes ata 17 anos, e outra categoría para participantes de 18 anos en adiante. En ambas categorías outorgouse un primeiro premio, dotado con 150 €, e un accésit, dotado con 50 €.
O gañador do concurso na categoría de maiores de 18 anos foi o autor César Fernández Portal, co relato “A Gaiola Dourada”, e o accésit nesta categoría correspondeulle ao relato “Calquera día”, do autor Rafael Quirno. Por outra banda, na categoría de participantes ata 17 anos, a gañadora foi Claudia Travieso Iglesias, co relato “Entre o Xeo”, mentres que o accésit recaeu no relato “Unha Vida en Silencio” do autor Yago González Dacosta.
Na entrega de premios participou o alcalde de Ribadavia, César Fernández, ademais das concelleiras de cultura, Yolanda Gómez, e Política Social, Clara Loeda. O alcalde de Ribadavia sinalou “a importancia de concursos coma este, que son un instrumento moi útil para visibilizar e concienciar á cidadanía sobre a importancia da loita contra a violencia machista, e que, ademais disto, fomentan a creatividade e a creación literaria en lingua galega”. César Fernández quixo “agradecer a todos os participantes no concurso o seu compromiso na loita contra a lacra da violencia machista”. Os relatos gañadores están publicados na web do Concello de Ribadavia