ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O Concello de Río aposta por un turismo 3.0 baseado na interacción co turista

Vén de crear en marcha unha nova páxina web que pon en valor o patrimonio e a historia deste municipio

Un dos paneis informativos con código QR xa instalados no municipio de Río./ Foto cedida.

 

San Xoán de Río é unha terra poboada dende tempos moi remotos. E diso dan testemuña restos arqueolóxicos como mámoas de Vilardá, a espada de bronce de Mouruás, a explotación aurífera romana dos Biocos ou a propia Via XVIII do Itinerario de Antonino ou Via Nova. Estas mostras do patrimonio de Río, xunto cos outros referentes do seu pasado, tanto no eido etnográfico como é o caso do afiador, como no das telecomunicacións (Radio Decca) poden descubrirse na nova páxina web de turismo que vén de lanzar o seu Concello https://rioturismo.es/.

Trátase dunha web que está en tres idiomas polo momento (galego, castelán e inglés) e cun marcado carácter interactivo. Os seus contidos poden escoitarse e, ademais, poderá accederse a eles mentres se visita este municipio a través dos códigos QR dos paneis turísticos do municipio.

“O obxetivo do Concello de San Xoán de Río é a posta en valor do noso patrimonio. Ademais preténdese crear un turismo 3.0 basado na interacción co turista”, destaca o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.

 

Páxina de inicio da web de turismo do Concello de Río.

 

Polo de agora o Concello leva instalados 31 sinais turísticos e 16 paneis informativos (dotados co citado código QR), a través dun convenio asinado entre esta adminsitración local, a Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense. “Con esta nova sinalización, ademais poderase promocionar aos produtores locais e facer sorteos entre os visitantes do noso concello que visiten e lean os códigos QR”, indica o rexedor de Río.

 

Mapa de recursos patrimoniais que aparece na web.

 

A web presenta os recursos do municipio a través dun mapa con ata 16 referencias distintas: a Igrexa de Santa María de Vilardá, Igrexa de San Paio das Cabanas, Capela de Santiago do Monte en Cima da Vila, Igrexa de Santa María de Castrelo, Igrexa de Santa Maria Madalena de Cerdeira, Igrexa de Santa Mariña de Medos, Igrexa de San Silvestre de Argas, Igrexa de San Xoán de Río, Capela de San Antonio de Domecelle, Capela de Santiago de Mouruás, Capela de San Miguel, Igrexa de Santa María da O de San Xurxo, Igrexa de San Xoán de Seoane de Argas, os miliarios romanos, a Ponte Navea ou o Miradoiro do Alto do Cerengo. Premendo sobre cada unha delas pode accederse a imaxes e a información sobre cada unha delas. Tamén se dan coñecer outros elementos como as mámoas de Vilardá, o Museo Casa da Roda en Arboiro ou singularidades sobre personaxes da historia local.

Ademais, este recurso pretende ser un escaparte das actividades e programación cultural e de festas do municipio de San Xoán de Río. “A programación cultural e festas do concello saltarán como aviso nos móbiles dos nosos visitantes”, asegura Xosé Miguel Pérez. E, nunha segunda fase, “a través das cookies, de forma intelixente, poderemos indicarlle ao visitante as zonas do noso concello que máis lles deberían gustar utilizando algoritmos matemáticos en base as súas redes sociais e búsquedas en Google”, adianta o alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button