ConcellosÚltima horaVerín

O Concello de Verín presenta o potencial das súas augas mineiro medicinais a alcaldes de Vilas Termais de toda España

A visita dos rexedores tivo lugar con motivo da celebración da Asemblea de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais que celebra a súa XVI Encontro Nacional no municipio ourensán de Arnoia

 

A Sección de Entidades Locais con Augas Mineiro-Medicinais e Termais, constituída no seo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), reúnese do 9 ao 11 de marzo no Balneario de Arnoia Caldaria para debater os temas de interese das Vilas Termais de España. E no marco do devandito simposio nacional, na tarde deste venres 10 de marzo o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, daba a coñecer o patrimonio da vila do Támega e as súas augas mineiro medicinais a alcaldes de Vilas Termais de toda España.

 

Visita ao Balneario de Cabreiroá./ Foto: Concello de Verín.

 

O presidente de Vilas Termais e alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, e o alcalde de Arnoia (vicepresidente da entidade e alcalde anfitrión), Rodrigo Aparicio, elixiron Verín como referente do auguismo en Galicia para formar parte do seu programa de visitas na provincia. Alí, ademais de visitar Cabreiroá, os alcaldes presentes estiveron en Caldeliñas, onde o rexedor verinés, Gerardo Seoane, fixo unha breve explicación do pasado histórico do lugar e o seu importante proxecto de futuro. Segundo explicou Seoane O proxecto de rehabilitación do balneario histórico consistirá na adecuación e reforma das instalacións para viabilizar a súa apertura ao público de maneira permanente. “O que queremos e conseguir, ao igual que en Fontenova, e un aproveitamento real das nosas augas mineromedicinais, recurso tan extraordinarios como desaproveitado nas últimas décadas”. Ademais, neste caso, o grupo de goberno quere recuperar e protexer o patrimonio cultural vinculado ao balneario de Caldeliñas. “Aspiramos á recuperación da protección legal do patrimonio arquitectónico vinculado a este balneario no referido ás ruínas da antiga Casa de Baños das súas instalacións complementarias e do seu contorno”, dixo Seoane. Os rexedores presentes na visita tamén tiveron a oportunidade de degustar as augas minerais de Cabreiroá e Caldeliñas.

 

Un momento da visita./ Foto: Concello de Verín.

 

Para pechar a xornada, os rexedores das vilas termais visitaron á adega Terra do Gargalo, creada polo deseñador verinés Roberto Verino, dentro da D.O. Monterrei, e os seus viñedos e tiveron a oportunidade de realizar unha degustación de viño.

Verín destaca por ser unha das vilas de Galicia con maior tradición mineiro medicinal da península. Ademais dos beneficios que estas augas achegan á poboación local -e de todo o que ten que ver cos seus efectos favorables sobre a saúde e o benestar- “este tipo de turismo”, explicou Seoane Fidalgo, “pode xogar un papel fundamental como motor económico e de estabilización de poboación nos concellos rurais do perfil da nosa vila; dado o seu limitado tecido económico e crecemento demográfico negativo”.

 

Un momento da visita a Verín.

 

Vilas Termais nace ao amparo da Federación Española de Municipios (FEMP) co fin de promocionar as entidades locais con augas minerais e termais. Verín forma parte da Asociación de Vilas termais xa que posúe unha das maiores concentracións de augas mineiro medicinais da península; isto xunto co seu gran Patrimonio Termal fai que a cultura da auga estea presente en todo o seu territorio.

Expertos profesionais nacionais e alcaldes de municipios termais de toda España compartirán no evento temas de actualidade e asuntos que lles incumben como: as innovacións en establecementos balnearios, lexislación, axudas, políticas públicas de saúde, tratamentos e avances en hidroloxía médica, proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios, etc.

 

Outro momento da visita.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button