ConcellosÚltima hora

O Concello de Viana do Bolo repartirá mascarillas e pantallas entre a veciñanza

Material que o Concello de Viana distribuirá entre os seus veciños./ Foto cedida.

 

Neste martes 21 de abril o Concello de Viana do Bolo vén de emitir un bando no que informa de que nos próximos días se repartirán entre a veciñanza  2.000 máscaras cirúrxicas e 800 pantallas, adquiridas por esta administración local. Este material foi recibido hoxe 21 de abril nas dependencias do Concello e pronto comezará a entregarse nos domicilios.

“Os residentes no rural recibirán unha máscara e un par de luvas por persoa. Os residentes na capitalidade municipal, por loxística, deberán chamar ao concello 988340120 para indicar o material que precisan (max. 1 máscara e un par de luvas por persoa) e seralles entregado no seu domicilio”, tal e como indica o alcalde de Viana, Secundino Fernández.

Dende o goberno municipal considérase que “as medidas de protección individual son un complemento importante para a protección da veciñanza fronte ao coronavirus. Unha protección que está sendo recomendada nestas datas polas administracións estatal e galega”.

Pero tamén matiza o Concello de Viana que o material que vai neste envío “non significan ningún tipo inmunidade fronte ao virus, é un elemento mais de barreira de protección nas saídas fóra do domicilio. Utilizalas adecuadamente tendo en conta que teñen unha duración limitada, non son permanentes. Tomalo dese xeito, seguindo as instrucións de uso e nunca nunca deixar de lavar as mans, manter a distancia de seguridade e demais normas de protección persoal”. E insiste en que “a medida máis importante é o confinamento, evitar saír á rúa e quedar na casa”.

O Concello de Viana lembra que xa fixo un reparto anterior de “máscaras e luvas do material que foi doado e do que subministrou a Xunta de Galicia, este reparto foi ás persoas de grupos de risco como os que reciben axuda no domicilio e os maiores de 70 anos que residen na capitalidade municipal. Porén como o material que subministra a Xunta de Galicia non chega esta alcaldía púxose mans a obra para conseguir mais material de protección para que todas as veciñas e veciños de Viana tiveran a posibilidade ter elementos de protección individual”.

 

O alcalde de Viana, xunto ao material de protección fronte ao coronavirus./ Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button