Dentro do apartado de cooperación, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobaba na mañá deste 18 de xaneiro, unha subvención nominativa a favor do Concello de Vilamartín de Valdeorras por un importe de 40.420 euros, destinados ao proxecto de arranxo da rúa principal da localidade de Correxais.
“Hai máis dun ano que a solicitamos pero estivo moito tempo paralizada por mor de Patrimonio”, explica o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez, engadindo o proxecto correu por conta do Concello. A ese respecto, Álvarez Barreiro adianta que este ano nos Plans Provinciais da Deputación incluiranse outros 48.000 euros para continuar coa obra, “e outros tantos porémolos dende o Concello para facer outro tramo” xa que a idea é “seguir arranxando as estradas principais nos pobos do municipio para poder adecentalos un pouco”, asegura.