O alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, mantiveron esta mañá un encontro con Marisol Paradela Fresco, propietaria da vivenda da rúa Florencio Delgado Gurriarán na que o Concello promovía un mural dedicado ao escritor do mesmo nome e realizado polo artista vilamartinés Orde.Caos.
O alcalde e a concelleira agradeceron á dona do edificio a súa boa disposición para a realización do mural, co que o Concello quere homenaxear ao autor que este ano foi protagonista do Día das Letras Galegas.
O orzamento do proxecto, incluído o traballo do artista, a instalación de andamiaxe e a adquisición dos materiais de pintura precisos, foi de preto de 7.000 euros. Marisol Paradela Fresco, que non vive no Barco e que se atopa esta semana na localidade pasando uns días de descanso, mostrouse “encantada” de colaborar co Concello para a realización desta obra, e deu as grazas aos responsables municipais “por pensar na miña casa para unha obra tan fermosa”.
O Concello ten a intención de continuar, no futuro, coa realización de máis murais artísticos en outros puntos da localidade.