ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco (Camiño de Inverno) iluminarase para iniciar a conta atrás cara o Xacobeo 2021

Esta iniciativa enmárcase no proxecto “Acende o Xacobeo”, xunto á iluminación doutros 90 edificios e monumentos singulares de toda España

 

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, vén de presentar o proxecto “Acende o Xacobeo”, que inclúe a iluminación de 91 edificios e monumentos singulares de toda España como conta atrás do inicio do Ano Santo o día 31 de decembro coa apertura da Porta Santa.

Trátase de 41 monumentos representantivos das diferentes rutas do Camiño de Santiago que pasan pola comunidade galega, aos que se suman 50 doutras 10 autonomías que colaboran na iniciativa (Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra).

A iluminación nos concellos galegos levarase a cabo en tres fases –do 22 ao 25 de decembro, do 26 ao 28 e do 29 ao 31- e de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á catedral de Santiago evocando o percorrido que realizan os peregrinos. Así, os monumentos escollidos para cada fase iluminaranse de cor azul, coa proxección do logotipo do Xacobeo 2021 e a frecha amarela.

 

Exterior da Casa Consistorial do Barco./ Foto: A.R.

 

No caso do Camiño de Inverno, será o Concello do Barco o que se ilumine na primeira fase, do 22 ao 25 de decembro, xunto a outros 18 monumentos representativos das diferentes rutas xacobeas.

Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante o período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.

Na segunda fase, do 26 ao 28 de decembro, iluminaranse outras dúas edificacións do Camiño de Inverno: a Casa de Lemos (Casa da Cultura) en Chantada e a Torre da Homenaxe en Monforte de Lemos.

 

Artigos relacionados

Back to top button