ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco pon en marcha o proxecto de lecer “O Merendoiro” para mozos do municipio

As inscricións estarán abertas a partir de hoxe, venres 31 de marzo, e hoxe tamén se presentará o proxecto nos tres centros de secundaria da vila

Exterior da Casa Consistorial do Barco./ Foto: A.R.

 

O Barco é un dos dous únicos municipios de Galicia (o outro é Monterroso, en Lugo), que conseguiu financiamento do Ministerio de Derechos Sociales para a posta en marcha dun proxecto de lecer alternativo para mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. O proxecto presentouse ao programa de axudas para a financiación de actividades a desenvolver polas corporacións locais en materia de xuventude durante o período 2022-2023, convocadas polo INJUVE e a Federación Española de Municipios e Provincias.

Esta iniciativa, presentada pola Concellería de Servizos Sociais do Concello do Barco baixo o título “O Merendoiro: lecer alternativo e creativo para a mocidade”, conta con 9 talleres diferentes cos que se pretende, según se indicou na proposta presentada no seu día ao ministerio, “que a mocidade do Barco poida acceder a oportunidades e disciplinas de lecer saudable”. Collage, ilustración, estampación, fanzine, bordado, cociña, escritura, fotografía e clown son os talleres que se desenvolverán. Terán lugar os venres pola tarde e os sábados, para facilitar a asistencia. Cada taller terá entre 10 e 15 prazas.

As inscricións estarán abertas a partir de hoxe, venres 31 de marzo, e hoxe tamén se presentará o proxecto nos tres centros de secundaria da vila. As actividades están dirixidas a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, residentes do Barco de Valdeorras, pero tamén poderán participar persoas doutras idades se non se completan as prazas dispoñibles. Todas as actividades son gratuítas e celebraranse no segundo andar da Biblioteca Municipal, salvo o de cociña, que se impartirá na sede de Asfaval, na urbanización Las Huertas.

Este proxecto levarase a cabo ata o mes de maio de 2023, e unha exposición final coas diferentes obras que se realicen nas actividades que o forman servirá de peche. Todos os obradoiros inclúen a perspectiva dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e da Axenda 2030.

Calquera dúbida poderá consultarse a través do correo electrónico: omerendoiro@gmail.com ou no teléfono 622 83 42 50 (vía whatsapp).

Toda a información, acceso ao formulario de inscrición e máis detalles sobre as diversas actividades estará a dispor dos interesados no Instagram do proxecto: @merendoiro.obarco.

Artigos relacionados

Back to top button