En portadaÚltima horaVídeos

O concello do Bolo acollerá a IV BTT Ruta do Viño de Valdeorras que se celebrará o 20 de outubro

 

A primeira saía do Barco, a segunda de Vilamartín a terceira da Rúa e a cuarta faráo do Bolo. A IV BTT Ruta do Viño de Valdeorras celebrarase o 20 de outubro polas terras do concello do Bolo que conta cunha gran riqueza paisaxística, vitivinícola e patrimonial.

Nun dos referentes arquitectónicos da comarca de Valdeorras, o Castelo do Bolo, tiña lugar a presentación deste evento que mestura deporte, natureza e turismo, que contaba coa presenza do xefe da área provincial de Turismo de Ourense, Cecilio Santalices; do alcalde e do tenente alcalde do Bolo, Alberto Vázquez e Miguel A. García;  do presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; e do responsable de Rutas Xanzá Víctor Fernández.

 

 

O presidente da Ruta, destacou o éxito desta iniciativa que “cada vez colle máis forza”, asegurando que o ano pasado contaban cuns 200 participantes “e este ano esperamos ter incluso máis”; e tamén da forte presenza do viño de Valdeorras “xa que nos avituallamentos haberá posibilidade de tomar unha copiña de godello e ao final máis”.

A ruta sairá ás 9:30 horas dende o pavillón municipal (na zona escolar) e contará con dous circuítos. “Debido á orografía do territorio (O Bolo está a 720m.) fixemos dous percorridos, un longo duns 46 km e 1500m de desnival positivo e outro máis curto de 36,5km e 1200m”, explicou o deseñador, Víctor, recoñecendo que non coñecía O Bolo en bicicleta “e sorprendeume cunhas zonas de viñedos espectaculares a carón do río e as montañas con eses prados pasando por Valbuxán, Fornelos,… merece a pena descubrilo”, dixo, esperando chegar ao máximo de participantes, 250.

 

 

En nome do secretario Xeral de Turismo Xosé Manuel Merelles, “un valdeorrés que presume de terra e ten motivo para elo”, asistía Cecilio Santalices, destacando que esta “é unha actividade máis non só turística e deportiva senón familiar, de defensa do valor patrimonio, paisaxístico que hai aquí e é moito, podendo presumir do godello como un dos grandes referentes. Unha aposta pola desestacionalidade que penso que será un éxito no que a xente poderá desfrutar de todo este patrimonio, da paisaxe, da xente e do viño”.

Santalices tamén fixo referencia aos centros BTT “unha aposta da Axencia de Turismo de Galicia que, salvo o primeiro, están na provincia de Ourense cunha serie de servizos e máis de 200 km de pistas en moi bo estado polo noso rural que é o que queremos”, dixo ,desexando un gran éxito para esta convocatoria. “Veremonos en outubro”, concluía.

 

 

O alcalde do Bolo, pola súa banda daban as grazas á organización da ruta que servirá para dar a coñecer o Concello, “cun gran patrimonio que amosar como este castelo ou o santuario das Ermidas, un museo,… Parécenos moi boa iniciativa algo polo que apostamos. A nosa idea é seguir nesta liña e organizar máis actividades deste tipo no que tamén se promociona o viño, o deporte e un conxunto arquitectónico que se verá durante case todo o percorrido”.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button