Con motivo do Día Mundial da loita contra a Esclerosis Lateral Amiotrófica (ELA) que se celebra o 21 de xuño, púsoxe en marcha a campaña #LuzPorLaELA que apoia o Concello do Barco de Valdeorras iluminando o Concello Vello de cor verde na tarde-noite de mañá.
Tal como explican dende o Concello, no último pleno “aprobouse por unanimidade a declaración institucional de apoio ao colectivo de afectados pola ELA”, polo cal o Concello “comprométese, como forma de colaboración directa desta administración local cos afectados pola ELA, a poñer a súa disposición o asesoramento técnico dos Servizos Sociais municipais á hora de tramitar todas aquelas axudas e/ou prestacións establecidas para a mellora da calidade de vida dos enfermos e as súas familias, sexan de ámbito municipal, autonómico, estatal ou europeo”.
O Concello comprométeuse asemade, dentro das súas posibilidades técnicas, orzamentarias e loxísticas municipais, a “colaborar coa asociación AGAELA, naquelas accións que esta asociación leve a cabo para dar visibilidade e concienciar sobre a realidade desta patoloxía”. Entre elas, a iniciativa que se levará a cabo mañá 21 de xuño, de iluminación en cor verde dun edificio emblemático da localidade.




