OurenseÚltima hora

O congreso de San Martiño de Tours leva aos asistentes a lugares emblemáticos da provincia

As charlas da 3ª xornada correron a cargo de especialistas das Universidades de Madrid, Santiago, Vigo e do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense
Os participantes no congreso na súa visita ao xacemento de Aquis Querquennis.
Os participantes no congreso na súa visita ao xacemento de Aquis Querquennis.

A terceira xornada do Congreso Internacional de San Martiño de Tours que se está a desenvolver en Ourense, levou aos asistentes a coñecer, nunha visita de estudo, lugares emblemáticos da provincia como o Mosteiro de San Salvador de Celanova, a Capela de San Miguel, o Centro de interpretación e xacemento de Aquis Querquennis ou a Igrexa de Santa Comba de Bande.

Xa pola tarde, tralas visitas e de novo no Centro Cultural Marcos Valcárcel, os relatorios comezaban coa intervención de Artemio M. Martínez Tejera, da Universidade Autónoma de Madrid para falar do espazo arquitectónico cristián no ámbito xeohistórico do reino Suevo, tendo presente que os Suevos convertéronse ao catolicismo dúas veces: a primeira, a título persoal e familiar con Requiario; e a segunda, a do pobo, propiciada pola actividade do panonio San Martín, bispo de Braga, coñecido como “Apóstol dos Suevos”, e difusor do culto a San Martín de Tours entre os Suevos. O seguinte en intervir, Marcos V. García Quintela, da Universidade de Santiago de Compostela presentaba unha síntese dos traballos multidisciplinares levados a cabo nos últimos anos en torno á construción da paisaxe cristiá de Galicia enfatizando o interese da mirada antropolóxica como criterio aglutinador de eses traballos.

Tralo descanso, era a quenda para Miguel Ángel González García, director do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense e do Museo Catedralicio de Ourense, para presentar a evolución iconográfica de San Martin de Tours, a través das imaxes e das reliquias do Ourense medieval. Pola súa parte, Luis A. García Moreno da Universidade de Alcalá, continuando na línea de Walter Pohl, explicou cómo se constrúe a identidade étnica e política dos reinos Suevo e Godo, a través da disciplina prosopografía, estudo dos antropónimos, dos nomes das persoas ao longo do tempo. Por último, Adolfo Fernández Fernández, da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, pechaba a xornada coa presentación dun panorama a través dos descubrimentos das escavacións arqueolóxicas realizadas nos últimos anos en Vigo e os arredores para falar dos contactos comerciais, entre os séculos V e VII, no momento do reino Suevo.

Mañá xoves, 17 de novembro, pola mañá os participantes no simposio relaizarán outra visita de estudo, nesta ocasión aos Mosteiros de San Pedro de Rocas, Santa Cristina de Ribas de Sil e Santo Estevo de Ribas de Sil. Pola tarde, as actividades trasladaranse á Facultade de Historia da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. Alí Antonio Rodríguez Colmenero da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá o relatorio “Lucus Augusti: de Santuario de Augusto a Sede Metropolitana”. Posterioremente, intervirá José Suárez Otero, da Universidade de California para falar de “El Locus Sanctus lacobi” e a cristianización do Noroeste hispánico, ca. S. IV-VI AD. Acotacións arqueolóxicas ao enigma compostelán”. Despois do descanso, Fermín Pérez Losada da Universidade de Vigo presentará “Tude /Tui) e o seu territorio durante a Antigüidade Tardía: continuidades, cambios e transformacións”. Por último, José Avelino Gutiérrez González da Universidade de Oviedo exporá “Legio e o seu territorium na época sueva”.

Artigos relacionados

Back to top button