OurenseÚltima hora

O conselleiro de Cultura reúnese cos alcaldes da Ribeira Sacra, tras o aprazamento da candidatura a Patrimonio da Humanidade

“Aproveitaremos a situación para tomar impulso e seguir dando pasos cara o si definitivo”, destaca o conselleiro, quen subliña que a Ribeira Sacra “é hoxe un territorio máis vivo, coñecido e mellor coidado”

 

Este venres tiña lugar nos Peares unha reunión do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, con alcaldes e representantes dos concellos que forman o territorio da Ribeira Sacra, tras o aprazamento da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. No encontro trasladoulles que a candidatura a Patrimonio Mundial “sairá reforzada” despois do acordo entre a Xunta de Galicia e o Goberno de España de aprazar estratexicamente o último paso da presentación da candidatura ao Comité do Patrimonio Mundial da Unesco.

Neste marco, o titular de Cultura salientou que o Goberno galego aproveitará a actual situación “para tomar impulso e avanzar, con paso aínda máis firme, cara o si definitivo”. “O noso obxectivo é seguir facendo da Ribeira Sacra un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo”, precisou antes de engadir que é o momento de seguir traballando e facendo as cousas ben como ata agora para lograr a inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade.

Tamén aseguraba que o Goberno do Estado e Xunta “intensificará sen descanso” o traballo da candidatura, que será presentada o vindeiro martes día 8 no Museo do Prado de Madrid ante os embaixadores dos 21 países que forman o Comité da Unesco.

No marco desta reunión, Román Rodríguez expuxo que a decisión de pospoñer a presentación da candidatura “é unha oportunidade para fortalecela e seguir traballando de xeito conxunto entre as administracións, a sociedade e todos os implicados para chegar a valoración final coas máximas garantías”. Neste senso, sostivo que o compromiso da Xunta con este territorio mantense intacto e que o horizonte segue a ser o mesmo: acadar o máximo recoñecemento da Unesco.

Así, en paralelo ao traballo na candidatura, o Goberno galego continuará avanzando nos distintos plans que ten en marcha en materia ambiental e de promoción turística como o Plan Ribeira Sacra, unha ambiciosa folla de ruta dotada con 34 millóns de euros que inclúe 35 accións de diversos departamentos da Xunta de Galicia vencellados coa ordenación do territorio, a conservación do patrimonio e dos valores.

Estas medidas complementaranse co proxecto que a Administración autonómica presentou aos fondos europeos Next Generation para actuar sobre este territorio e impulsar a recuperación de espazos de alto interese patrimonial que estean deteriorados nos vindeiros anos. Trátase dunha medida que, á espera de que se concrete, aspira a captar 40M€ de investimento.

Artigos relacionados

Back to top button