SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade anuncia a incorporación dun equipo PET para o CHUO

Julio García visitaba esta mañá os servizos de medicina intensiva e radioterápica oncolóxica do hospital ourensán

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, no transcurso da súa visita aos servizos de Medicina Intensiva e Radioterapia Oncolóxica do Hospital Universitario de Ourense, que os orzamentos da Xunta para o 2022 suporán un investimento de máis de 90 millóns de euros en tecnoloxía e equipamento sanitario para o conxunto de centros da rede sanitaria pública galega. Así, este investimento posibilitará incorporar, para o Hospital de Ourense, no servizo de medicina nuclear que vaise reformar, un equipo PET, co que se dota a esta provincia da tecnoloxía de tomografía de última xeración para o diagnóstico por imaxe de tumores e patoloxías neurodexenerativas. Trátase dunha tecnoloxía que estaba nas provincias da Coruña e Pontevedra, e que a Xunta quere que estea presente tamén nas de Ourense e Lugo.

Estes orzamentos permitirán renovar no hospital ourensán os equipos de ecografía e completar a modernización dos bloques cirúrxicos coa compra de mesas, lámpadas ou torres de laparoscopia; ademais dos dous aceleradores lineais do servizo de radioterapia. Tamén posibilitarán os orzamentos renovar unha gammacámara e mercar outra, ou substituír catro equipos TAC. A Xunta tamén levara a cabo, neste hospital, a renovación do equipo de anxiografía vascular e o complementará cun novo equipo de anxiografía neurorradiolóxica.

O conselleiro de Sanidade, que estivo acompañado na visita o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial; resaltaba que en materia de infraestruturas os orzamentos van traducirse nun investimento de 21,8 millóns de euros para o hospital de Ourense, posibilitando iniciar a obra do novo edificio de hospitalización e de reforma do materno-infantil, que foi licitado en xullo e que adxudicarase antes de rematar o ano. Tamén fará posible iniciar a reforma da unidade de críticos; e a da unidade de medicina nuclear da que adxudicarase o proxecto en próximos días. Así mesmo, licitarase o proxecto dos novos edificios ambulatorio e administrativo. En consecuencia, estes preto de 22 millóns de euros, van supoñer unha transformación integral do CHUO.

Na súa visita ao hospital de Ourense, o conselleiro sinalou que os orzamentos do vindeiro ano tamén contemplan cantidades para os hospitais comarcais e para atención primaria. En concreto, 1,1 millóns de euros para obras de reforma, xa adxudicadas, do Hospital de Valdeorras nas consultas externas e nas súas áreas de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia; e 1,3 millóns para comezar a obra de ampliación do Hospital de Verín, proxecto xa adxudicado e do que agora vaise licitar a obra. Así mesmo, estes hospitais beneficiaranse da modernización de equipamentos.

No que atinxe á atención primaria, ademais das partidas destinadas ás obras de reforma que xa teñen adxudicatario proposto en Arnoia e Ribadavia, o conselleiro destacou os 1,5 millóns de euros para iniciar a obra do Centro Integral de Saúde en Ourense, do que xa está a piques de adxudicarse o proxecto.

Día Mundial da Loita contra o cancro de mama

Con motivo da celebración na xornada de hoxe do Día Mundial da Loita contra o cancro de mama, o conselleiro remarcou, no acto no Hospital de Ourense, o programa de cribado deste cancro que ten en marcha a Consellería de Sanidade, que o pasado ano explorou a máis de 136.000 mulleres e detectou preto de 600 cancros. Nun día como hoxe, o máximo responsable sanitario galego insistiu na necesidade desa prevención e de participar no programa de cribado, sinalando que a participación do ano pasado roldou o 81% e, sendo moi alta, hai que aumentala.

A participación no programa a partir do 2006 é superior ao 75%, que é o obxectivo de participación desexable establecido polas Guías Europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico. A alta participación está asociada á divulgación e promoción do programa e á adherencia das mulleres ao mesmo.

Sanidade destaca que nos anos 2019-2020 realizouse un estudo sobre a supervivencia das mulleres galegas do grupo de idade do programa diagnosticadas de cancro de mama no período 1993-2016. Para os 5 anos de seguimento a supervivencia observada foi do 95,2%. Aos 10 anos de seguimento foi do 87,8% e aos 15 anos de seguimento do 77,8%.

Artigos relacionados

Back to top button