A Xunta prevé que o novo edificio de Urxencias e o Punto de Atención Continuada do Hospital de Verín entren en funcionamento despois do verán. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita a este hospital comarcal da rede sanitaria pública galega.
No acto, no que tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, e a directora do distrito sanitario de Verín, Guillermina Agulla, o conselleiro subliñou que os traballos realizados para ampliación das Urxencias e do PAC, así como a mellora da eficiencia enerxética, acadan un investimento da Xunta de 4,5 millóns de euros.
Gómez Caamaño detallou que coa actuación executada haberá novos espazos divididos en área de Urxencias e de PAC, con salas de espera separadas para pacientes xerais, pediátricos e con sospeita de enfermidades contaxiosas. Ademais, cando se poñan en servizo estas novas instalacións, pasaranse das 167 prazas de aparcamento en urxencias actuais a máis de 200.
No que atinxe á mellora da eficiencia enerxética, instaláronse paneis fotovoltaicos, illouse a cuberta e mudouse a iluminación por outra más eficiente.
Todas estas medidas que posibilitan mellorar a asistencia sanitaria, configurando novos espazos máis modernos, confortables e accesibles para pacientes e profesionais, compleméntanse coa dotación dos novos recursos tecnolóxicos e materiais incorporados nos últimos anos, por un importe de 900.000 euros.
Entre eses recursos, o conselleiro destacou un novo TAC, un novo equipo radiocirúrxico, ou un novo sistema de anestesia. Tamén se renovou o mobiliario coa substitución de 40 camas, mesas e sillóns de acompañante.
Potenciación dos hospitais comarcais
Todas estas melloras amosan o compromiso da Xunta na potenciación dos hospitais comarcais, que o conselleiro considera un piar básico e un elemento vertebrador imprescindible para achegar unha asistencia sanitaria de calidade ao conxunto da cidadanía. Este compromiso do Goberno galego tamén se pon de manifesto no reforzo de persoal. Gómez Caamaño lembrou que a Xunta promoveu unha lei para ofrecer as prazas de difícil cobertura por concurso de méritos, sen necesidade de oposición, o que permitiu, incorporar 13 especialistas en áreas claves do Hospital de Verín.
O conselleiro de Sanidade remarcou o compromiso da Xunta co crecemento e coa mellora continua do Hospital de Verín, asegurando unha atención de calidade para as máis de 25.000 persoas ás que ofrece asistencia sanitaria.