OurenseÚltima hora

O Consello Municipal de Deportes de Ourense destina 670.000 € a axudas para o fomento da base na cidade

As subvencións daranlle apoio a 76 equipos de 28 disciplinas diferentes que suman 9.232 licenzas, das que o 70% son menores de idade

Sesión plenaria do Consello Municipal de deportes de Ourense celebrada esta mañá.

 

O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense, aprobaba por unanimidade na  sesión celebrada na mañá deste xoves 22 de outubro, a resolución da convocatoria de subvencións para a tempada 2019/2020, dotada con 670.000 euros coa que dará apoio económico para fomentar o deporte de base na cidade a un total de 76 entidades deportivas de 28 disciplinas diferentes (aeromodelismo, balonmán, baloncesto, fútbol sala, fútbol, halterofilia, tenis de mesa, voleibol, ximnasia, hockei, tiro olímpico, salvamento, waterpolo, fútbol gaélico, montañismo, natación sincronizada, triatlon, kick boxing, taekwondo, volei praia, piragüismo, badminton, rubgi, xadrez, kung-fu, padel, loita, patinaxe, natación, tiro con arco e ciclismo). “As axudas daranlle apoio a uns clubs que suman 9.232 licenzas deportivas, das que o 70% son de nenos e mozos menores de idade”, explican dende o Concello.

O acordo é o resultado da liña 2 de subvencións convocada polo Consello Municipal de Deportes para actividades de clubs e entidades federadas realizadas na tempada 2019/2020, que ten como principal finalidade “apoiar os gastos de funcionamento dos equipos”.

As bases que rexen o procedemento valoran todos os clubs do Concello que solicitan a axuda tendo en conta os seguintes aspectos: número de licenzas, en función do seu nivel competitivo (as licenzas pertencentes a entidades deportivas subvencionadas son 9.232); número de licenzas deportivas de menores de 18 anos (6.598, o que supón que o 71,4% do total); número de licenzas en categoría feminina (3.102 respecto ás 2.707 da tempada pasada, que supoñen un 33,60% das licenzas subvencionadas); e a actividade dos clubs que xera un total de 45 contratos laborais de adestradores.

O procedemento que rexe esta concesión é a concorrencia competitiva, co que cada club segundo os datos obxectivos achegados, recibe unha puntuación. A suma de puntuacións totais obtidas por todos os clubs divídese entre a partida orzamentaria da que se obtén un prezo por punto que orixina os importes de cada unha das entidades.

Tal como explican dende o Concello, a resolución desta convocatoria “tivo especial dificultade, xa que os técnicos tiveron en conta a interrupción da actividade derivada do estado da alarma polo Covid-19”. Deste xeito buscouse que a valoración, dentro do indicado nas bases, reducise os ingresos das entidades na menor contía posible, segundo o solicitado.

Artigos relacionados

Back to top button