OurenseÚltima hora

O Consello Municipal de Deportes destina 20.000€ para axudas a deportistas individuais de Ourense

Dirixidas a adultos e menores de idade, pretenden contribuír á mellora e perfeccionamento dos atletas que destaquen nas súas modalidades

Reunión telemática da xunta reitora do CMD de ourense.

 

O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense vén de aprobar a convocatoria e as bases para a concesión de bolsas a deportistas individuais á que destinará unha partida de 20.000 euros dos seus orzamentos. O obxectivo é “contribuír á mellora e ao perfeccionamento de deportistas que destaquen na súa participación en competicións oficiais de carácter individual nas distintas modalidades deportivas, dándolle cobertura a parte dos gastos derivados da súa actividade”.

A convocatoria prevé dous tipos de axudas, coas súas correspondentes categorías: de iniciación, destinadas a deportistas menores de 18 anos, que poderán chegar até un máximo de 250 euros; e de cualificación, destinadas a deportistas maiores de 18 anos -incluídos-, que poderán chegar ata os 950 euros.

Poderán solicitar as axudas os deportistas empadroados no Concello de Ourense, que dispoñan de licenza en vigor pola Federación Deportiva Galega da súa modalidade deportiva. No caso de modalidades deportivas non integradas en federacións galegas, será considerada a licenza estatal. Tamén deberán presentar certificado do mellor resultado obtivo, emitido pola federación do seu deporte.

O prazo para presentar a solicitude é de 1 mes que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, no Rexistro do Consello Municipal de Deportes, ou de forma telemática a través da sede electrónica do CMD.

Máis información e bases na web do Consello Municipal de Deportes [www.deportesourense.com].

Artigos relacionados

Back to top button