EconomíaEconomíaÚltima hora

O CRDO Monterrei estará presente en todos os eventos organizados por Expourense

Participará en Xantar, no Túnel do Viño, e tamén en VINIS TERRAE

A ratificación da súa condición de colaborador fixo de Expourense, permitiralle ao CRDO Monterrei estar presente en todas as feiras e eventos organizados polo recinto para este ano 2019. A sinatura do convenio tiña lugar na mañá do 16 de xaneiro por parte da presidenta da DO Lara da Silva, e o director xerente da Fundación Expourense, Alejandro Rubín.

O Consello Regulador é entidade colaboradora da Fundación dende o ano 2015 e con respecto ao 2019 o convenio farase efectivo xa durante a celebración de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que terá lugar entre o 6 e o 10 de febreiro. O CRDO Monterrei estará presente no Túnel do Viño, un área que lles presentará aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Así, o consello convida ás adegas adscritas a participar neste espazo, un dos máis visitados polos profesionais que acoden ao salón para coñecer novas referencias. Os seus viños estarán presentes ademais maridando os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia nos showcookings de Xantar e organizarán unha cata comentada.

Tal como adiantan dende Expourense, o consello regulador participará tamén de xeito destacado na VIII edición de VINIS TERRAE, Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade que se celebrará os días 1 e 2 de abril e que está consolidado como unha importante cita internacional para as adegas da nosa comunidade que contribúe a posicionar aos viños galegos no mercado exterior.

Coa sinatura do convenio, os dous organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños, tanto no territorio nacional como no estranxeiro.

Artigos relacionados

Back to top button