CulturaCulturaÚltima horaVídeos

O ‘Cuaderno de Viana’ de Jesús García chega ao Casino do Barco

O libro era presentado na tarde deste venres 24 de febreiro coa colaboración do IEV e do Casino

 

Nin máis nin menos que sesenta anos lle levou a Jesús García Martínez “Jesu” rematar e publicar o seu libro ‘Cuaderno de Viana’, un volume que reúne un total de 75 historias e lendas de diferentes etapas históricas da zona de Viana do Bolo e concellos próximos, que comezaba a escribir sendo un neno nun caderno da escola.

O libro é un traballo contundente e conta con 570 páxinas en cor e en branco e negro, 832 fotografías e ilustracións, 75 capítulos de diverso contido histórico, cultural, de personaxes e sucesos da comarca comprendidos no período entre 1700 e 2000 que contou cun equipo de 72 informantes vianeses que lle facilitaron información e fotografías, moitas delas inéditas, ilustracións. Publicábase, contando co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello de Viana, o ano pasado e tras ser presentado na vila na que neceu, chegaba hoxe ao Barco de Valdeorras.

 

Jesús García na presentación do seu libro no Casino do Barco.

 

Na tarde deste venres 24 de febreiro presentábase no Casino do Barco, nun acto que contou coa presenza do propio autor, vianés residente en León; do presidente do Casino, Pablo Dobao; da vicesecretaria do IEV, Sherezade Núñez; e de Héctor Luis Suárez Pérez, Cátedra de Etnomusicoloxía do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, unido ao autor pola música e pola amizade.

Héctor Luis foi o encargado da presentación, asegurando que neste volume Jesús “pon a súa vida sobre a mesa”, reunindo fotografías, carteis, historias e anécdotas “algunhas moi graciosas que poden darse en calquera parte do mundo”, dixo, recoñecendo que o obxectivo de presentar o libro no Barco non é outro que “transmitir o concepto de ver e escoitar cousas e contalas, algo que Jesús fai moi ben e que pode resultar de interese”.

 

O presentador, Héctor Luis Suárez Pérez.

 

Pola súa banda, o autor recoñeceu a súa vinculación musical con membros de Son do Sil (algúns presentes no acto) destacando a admiración que de nenos sentían en Viana polo Barco.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button