DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O CV Ribeira Sacra proclámase en Quiroga, subcampión galego cadete feminino

O equipo lucense de voleibol clasíficase para o campionato de España que se celebrará en Almería

O feito de ter o pavillón de Monforte ocupado e a aposta do Concello de Quiroga polo voleibol, levou ao CV Ribeira Sacra a organizar no pavillón municipal quirogués o campionato galego cadete feminino que disputou este domingo, 12 de maio. Unha final na que formaron parte catro equipos e que finalmente se resolvía co Calasancias Coruña como campión autonómico tras vencer ás anfitrioas do Ribeira Sacra por 3 sets a 0. O bronce foi para o Emevé despois de superar en tres parciais moi claros ao CV Zalaeta.

A primeira semifinal arrincaba ás 10h. Agardábase emocionante e non defraudou. Tras un inicio igualado o CV Ribeira Sacra do que forma parte a quiroguesa Carolina Camino (membro da selección permanente), aproveitou a súa superioridade vencendo por 3-1 con parciais 25-16/18-25/25-18/25-21. Con este resultado o equipo monfortino estaba xa clasificado para o campionato de España que se celebrará a mediados de xuño en Almería, pero aínda lle quedaba por xogar a gran final. A segunda semifinal entre Calasancias Coruña e Emevé estivo dominada polas herculinas que acababan vencendo por 3-1 con parciais 25-16/20-25/25-17/25-22.

A xornada da tarde abría coa final de consolación entre CV Zalaeta e Emevé, e a loita polo bronce tivo ás lucenses como claras dominadoras. As coruñesas foron incapaces de reaccionar ante o equipo de Lugo que non dubidou en ningún momento e sentenciou pola vía rápida en tres sets por 25-8, 25-12 e 25-16. Acto seguido, a final arrincou tan emocionante como se esperaba entre Calasancias e Ribeira Sacra con total igualdade e continuo intercambio de puntos, ata que a piques de rematar o primeiro set con empate a 23, o Calasancias fixo os dous puntos definitivos para cegar ao 25-23. A partires de aí o equipo visitante collía confianza e superaba ao Ribeira Sacra por 25-23/25-17/25-17 que levantaba a copa de subcampión.

Na entrega de premios estiveron presentes o alcalde de Quiroga Julio Álvarez, o concelleiro de Deportes Andrés Novoa, o presidente da Federación Galega de Voleibol José A. Luna,  e a presidenta do CV Ribeira Sacra Yolanda Manciñeira.

Fotos: Carlos Julio González.

Artigos relacionados

Back to top button