DeportesSen categorizarÚltima hora

O deporte de élite dase cita esta fin de semana no Ribeiro con tres competicións

Ribadavia terá o  Campionato Galego de Cros e o XVI Campionato de España de Remoergómetro e, o domingo,  Castrelo de Miño acollerá o VII Campionato de España de Fondo -Trial

Fin de semana deportiva na comarca do Ribeiro. Por unha banda, os amantes do “cross” teñen unha cita en Ribadavia o domingo 29 co “Cros de Ribadavia-Campionato de Galicia de Campo a Través 2017”. Entre as categorías están a de Absoluto, Promesa, Junior, Individual e por Equipos. O campo da carreira estará situado na área recreativa da Veronza, na capital do Ribeiro.

Con motivo da celebración, este ano, da 82 edición do campionato masculino e da 50 edición en categoría feminina, farán un recoñecemento á primeira campioa desta competición, a ourensá Aurora Salgado. O cartel da competición está dedicado a esta deportista coa súa foto traspasando a liña de meta o 18 de febreiro do ano 1968.

O Club Aurum é unha das entidades organizadoras desta cita xunto coa Deputación de Ourense, o Concello de Ribadavia e a Federación Galega de Atletismo. O presidente do club, Lalo Gómez, adiantou que “a piques de pechar o prazo de inscrición esta media noite”, xa hai máis de 300 corredores anotados nesta proba que será puntuable para o II Circuito Galego de Campo a Través”, sinalou o vicepresidenta da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. En canto aos corredores e os equipos, entre a lista de participantes hai atletas tan salientables como Hassan Lekhili, Ester Navarrete, Leticia Barbosa ou Iria Fernández, do Club A.D.A.S de O Barco de Valdeorras “un dos que máis destaca na categoría Feminina Absoluta”, sinalou Gómez. Estes participantes estarán acompañados por atletas dos mellores clubs de Galicia, como é o Ximnástica de Pontevedra ou o Lugo Running.

Un dos nomes que tamén salientou o presidente foi o do lucense Miguel González Carballada, que é subcampión do mundo de Campo a Traves escolar e ostenta o récord de Galicia Junior cunha marca de 3:47. Por outra banda, o ourensán Jesús Álvarez competirá abandeirado co Ximnástica de Pontevedra.

As probas darán comezo ás 11:00 horas nas categorías de Junior masculino e feminino e Sénior e Promesa masculino e feminino.

Tanto o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, coma o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, amosáronse moi orgullosos de ter esta proba en terras ourensás. Gómez dixo que esta proba súmase a “enorme actividade deportiva que temos durante todo o ano”. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, puxo en valor a “participación do Concello de Rivadavia co deporte en Galicia” e asegurou que este campionato galego de cros encherá “a este Concello, á provincia e a Galicia de prestixio deportivo”.

Campionato de España de Remo

Por outra parte, o sábado 28 de xaneiro e o domingo 29 outras dúas competicións, desta volta de remo, concentraranse nesta parte da provincia. A primeira será en Ribadavia e a segunda en Castrelo de Miño. A capital do ribeiro acollerá o XVI Campionato de España de Remoergómetro, que se desenvolverá no polideportivo Municipal, mentres que en Castrelo de Miño acollerá a proba do VII Campionato de España de Fondo -Trial de Inverno, que se levará a cabo no Centro Náutico. En canto á participación, entre as dúas probas suman 500 deportivas.

Por tratarse de campionatos de España, para poder acceder a estes galardóns, os clasificados deberán ter a condición de deportistas de clubs españois. Os que non cumpran con este requisito e queden entre os tres primeiros de cada modalidade, serán agraciados cunha medalla simbólica.

Artigos relacionados

Back to top button