PolíticaÚltima hora

O deputado Davide Rodríguez (En Marea) leva ao Parlamento os verquidos no Támega

Xunto a outros dous deputados do seu grupo, rexistraba na Mesa do Parlamento unha proposición non de lei e preguntas sobre esta problemática

 

O deputado de En Marea Davide Rodríguez, nunha intervención no Parlamento galego.

Tras a vertedura que se producía o 8 de maio no río Támega na comarca de Monterrei, tres deputados do grupo de En Marea vén de presentar no Parlamento galego dúas iniciativas sobre esta problemática: unha proposición non de lei para o seu debate en pleno e unha pregunta para a súa resposta oral na Comisión 2ª. “Desde o ano 2013 veñen producíndose reiteradamente verteduras ao Támega cando se reinician as obras do AVE e coincidindo con choivas copiosas”, asegúrase no texto das iniciativas os deputados Davide Rodríguez, Antón Sánchez e Marcos Cal.

Ademais lembran que, “a raíz da primeira vertedura en xuño do 2013, a asociación ecoloxista Adega, efectuou varias denuncias tanto á Confederación do Douro como á Consellería de Medio Ambiente, non obtendo resposta, ou no mellor dos casos comentando que non atoparon “restos de ningunha vertedura”. A primeiros do ano 2015, a asociación ecoloxista realiza unha analítica exhaustiva, onde se atopan depósitos de metais pesados típicos de actividades mineiras, e aínda así se fai caso omiso”. E engaden que, “tanto a veciñanza como distintas asociacións, teñen denunciado as UTES responsables e as administracións competentes, que deben velar pola saúde do río e as persoas da zona” e destacan que “o Támega na parte galega, pertence á Rede Natura 2000, zonas de especial conservación”.

Ante isto, na súa proposición non de lei En Marea pide que o Parlamento galego inste “á Xunta de Galicia a tomar as medidas sanitarias e medioambientais necesarias para restablecer as condicións óptimas do río Támega e a impor medidas sancionadoras á empresa responsable dos verquidos de forma urxente”.

Por outra banda, na pregunta presentada para ser respondida en comisión, preguntan “que información ten a Xunta de Galicia sobre estes vertidos habituais no río Támega e afluentes, que medidas sanitarias e medioambientais ten pensado levar a cabo a Xunta para reestablecer as condicións óptimas do río Támega e que medidas sancionadoras ten pensado facer a Xunta de Galicia ca empresa responsable dos vertidos”.

Artigos relacionados

Back to top button