PolíticaÚltima horaVídeos

Pontón asegura que un goberno do BNG terá como prioridade unha política de discriminación positiva cara o rural

Así o dicía o candidata nacionalista á Xunta na súa visita á Festa da Pisa de Froxán (Folgoso do Courel)

 

“No BNG temos confianza no noso medio rural, cremos que nel hai moito futuro e que necesitamos construír un país que poña en pé esa enorme capacidade e potencial do noso medio rural”. Deste xeito se manifestaba a voceira nacional do BNG e candidata á Xunta por esta formación na visita que realizaba neste 8 de decembro á Festa da Pisa da Castaña Seca de Froxán (Folgoso do Courel). En declaracións á prensa, destacaba que “14 anos cun goberno do PP que ten abandonado ao rural galego e as cifras están aí, temos máis de 4.000 aldeas abandonadas, vivimos un problema de despoboamento, de falta de servizos… Eses 14 anos tiveron consecuencias que estamos a padecer”.

Pontón aseguraba que “o goberno do PP nin tan sequera é capaz de executar os orzamentos que presuposta. Dende o 2009 ao 2022 deixáronse sen executar máis de 500 millóns de euros destinados á posta en valor do medio rural ou 900 millóns de euros para o desenvolvemento rural do noso país, con 1.300 millóns de euros que nestes 14 anos se tiñan que ter investido no rural”. Fronte a iso, a líder nacionalista sinalaba que “o medio rural o que necesita é un goberno que crea no seu potencial e ese é o goberno que nós aspiramos a dirixir. Un goberno que vai ter entre as súas prioridades un rural vivo, produtivo, habitado, onde vexamos que hai oportunidades e para iso poremos en marcha un plan estratéxico de desenvolvemento do rural con medidas como pode ser o establecemento dunha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos. O rural non necesita que lle pechen escolas senón que llas abran, necesita servizos médicos e bancarios, porque sen servizos as persoas non van seguir vivindo alí”.

 

 

 

En segundo lugar, Ana Pontón citaba un segundo ámbito de actuación “prioritario: a dinamización económica. Por iso poremos en marcha unha medida como é o tícket rural para o emprendemento, que significa que aquelas persoas que opten por poñer un negocio no medio rural van ter 5 anos como mínimo unha axuda anual de 15.000 euros . Esta medida xa se ten implantado noutras comunidades con resultados moi exitosos”.

 

 

E, a “terceira pata deste plan”, proseguía a voceira nacional do BNG, “é que se necesita desenvolver a capacidade produtiva do noso medio rural, poñendo en valor produtos como a castaña, pero tamén recuperando moitas das terras agrarias que hoxe están abandonadas e, nese senso, o noso obxectivo é mobilizar na próxima década 100.000 hectáreas de terra abandonada”. Finalmente, Pontón incidía en que “o noso medio rural tamén necesita un apoio claro pola innovación, pola investigación, por poñer en marcha novos produtos e aí tamén haberá unha liña específica de actuación”.

Ana Pontón percorría a Festa da Pisa e mesmo participaba deste proceso tradicional para quitarlle a pel á castaña seca. Ademais resaltaba o interese desta celebración “que leva 24 anos poñendo en valor o que son as nosas tradicións, pero tamén un produto que ten tanto que darlle a este país como é a castaña”. Así mesmo, felicitaba á Asociación Fonte do Milagro, “que leva facendo posible un evento e poñendo no centro a castaña, o rural e que nos lembra o importante que é para Galicia o desenvolvemento do noso medio rural”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button